O interior só recuperou 50% dos trens de media distancia que había antes da Covid

A estación de Guillarei é na actualidade a única que presta servizo en Tui (Foto: Mapio)
A situación do tren, un transporte público fundamental na Galiza, mudou coa chegada da Covid-19. A redución dalgunhas liñas, o cambio de horarios e a lenta recuperación do servizo por parte de Renfe deixou un panorama diferente ao que tiña antes de marzo de 2020.

Cando chegou a pandemia á Galiza só quedou circulando na rede ferroviaria galega 40% dos servizos de media distancia. No verán de 2020 recuperáronse algúns, sobre todo no eixo A Coruña-Vigo, chegando a reporse entre 50% e 60% nesa liña, voltando algunhas, tamén, entre Vigo e Ourense. Non foi até xullo de 2021 que se reiniciaron os catro servizos da conexión entre Ferrol e Ribadeo. Alén diso, moitos dos tramos precisan melloras e outros teñen continuas avarías. Esta segunda feira, Renfe anunciaba que o tráfico ferroviario entre Monforte de Lemos e Lugo veríase interrompido até o vindeiro 10 de maio para proceder a realizar obras nese tramo.

Na actualidade restituíronse entre 90% e 100% do servizo A Coruña-Vigo e só 50% no interior. O responsábel do sector ferroviario de CCOO, Gregorio Bermejo, explica a Nós Diario que coa apertura da liña de AVE Madrid-Ourense, "adaptáronse as frecuencias para dar servizo a esta longa distancia". Pon como exemplos os trens que circulaban entre A Coruña e Ourense así como os que comunican Vigo con Santiago, que "agora fan de lanzadeiras". Con esta nova situación explica que agora "os horarios non coinciden coas necesidades da xente que precisan deste transporte público para ir ao traballo ou á universidade", sobre todo na liña entre Ourense e Santiago de Compostela.

O interior vai a menos

Para Juan Sánchez, da Confederación Xeral do Traballo (CXT), a maior incidencia dos recortes que se realizaron afectaron o rural. En concreto nas liñas Vigo-Ourense-Monforte-O Barco de Valdeorras. "Pasaron a ter dous servizos diarios e con unificación de horarios, deixando de lado as necesidades da poboación", asegura a Nós Diario.

Por este mesmo motivo as frecuencias de paso aumentan na maior parte dos servizos. "Pasa tamén no que vai da Coruña a Ourense onde quitaron o primeiro da mañá e xa houbo protestas importantes con recollida de sinaturas por parte de usuarias e usuarios", relata. Outros casos semellantes, segundo este sindicalista, son os das liñas A Coruña -Ferrol, A Coruña-Lugo ou Vigo-Pontevedra. "Agora mesmo non hai servizo de viaxeiras e viaxeiros na estación de Tui, en todo caso terían que ir a Guillarei ou a Valença do Minho", sinala Sánchez como un dos casos graves. "Había un acordo das obrigas de servizo público que o Estado español comprometíase a manter, aínda que foran deficitarios, para garantir a mobilidade da cidadanía", O acordo, di, "está en vigor mais non se cumpre". 

Servizos e prezos

En relación ao FEVE, está restituído todo o servizo excepto un 15% na liña entre Ferrol e Ortigueira. Porén, faltan servizos entre Ourense e O Carballiño, con só un servizo de ida e outro de volta. Tamén faltarían entre Ourense e Monforte, "que agora teñen frecuencias que non se adaptan ás necesidades das persoas que as empregan" segundo Bermejo. 

"Non teñen as  frecuencias axeitadas, ademais de contar con prezos caros", afirma este sindicalista e engade que "de nada serve que poñan servizos de media distancia Avant entre Ourense e Santiago cun prezo desorbitado cando en realidade o uso é de media distancia". 

Máis horas de traxecto e eliminación de liñas

Algunhas conexións importantes sufriron modificacións que incrementan de maneira importante o tempo do traxecto. É o caso da conexión entre Ponferrada e Vigo que con anterioridade era directo e agora ten que estar dúas horas na estación de Ourense para enlazar con outros trens. Outra das eivas da actual comunicación ferroviaria galega é a eliminación dos tren-hotel até Barcelona e os que comunicaban Ferrol e Pontevedra con Madrid "que Renfe eliminou coa pandemia e non ten intención de recuperar, como tampouco fará coa diúrna con Euskal Herria que se fai con enlaces en Ourense e Miranda do Ebro", indica Bermejo.