As usuarias das paradas facultativas de tren, dependentes da interventora

Estación de tren de Ordes, situada a seis quilómetros da vila (Imaxe: Nós Diario).
Nalgunhas estacións as viaxeiras teñen que avisar coa man para que o convoi se deteña.

Segundo informou un usuario frecuente do servizo de ferrocarril a Nós Diario onte, unha viaxeira que tratou de descender na parada de Ordes, facultativa na liña rexional que une ás 10 horas A Coruña con Compostela, topou con que a porta do convoi non abría.

O ferrocarril aminorou a súa velocidade e freou, mais o botón das comportas non funcionou, polo que mentres chamaba infrutuosamente o interventor que atendía a liña comprobou como o tren se afastaba da súa parada. Unha vez en Compostela, continúa este usuario, a viaxeira demandou unha solución. 

Paradas a demanda

A rede ferroviaria galega conta co servizo de parada facultativa nalgúns dos seus traxectos rexionais. As estacións de Ordes; no municipio homónimo; Uxes, no concello de Arteixo; Osebe, no de Teo; Cesantes, no de Redondela ou O Irixo, nese municipio, son algunhas delas.

Para baixar nunha destas paradas as usuarias destes traxectos deben mercar o seu billete ao persoal de Renfe, nas billeteiras automáticas habilitadas para tal efecto ou a través da rede. As interventoras reciben o aviso cando se compra este tipo de boletos. Porén, nunha das ventás da estación de tren de Compostela recomendan avisar a interventora persoalmente para que esta dea aviso á condutora do tren.

Para subir, de non poder empregar ningunha destas vías, fica a opción de levantar a man cando o convoi se aproxima, aminorando a súa marcha, pola vía e facer sinais á maquinista ou interventora.

A modalidade da parada facultativa foi deseñada para aquelas estacións cunha afluencia baixa de pasaxeiras. O sistema foi defendido en 2013, cando o Goberno central presidido polo popular Mariano Raxoi levou a cabo unha reestruturación dos servizos ferroviarios suprimindo paradas ou minimizando traxectos. Entón demandaron a aplicación das paradas opcionais en troques da supresión.