Persoal externo a Adif venderá billetes de tren en Ribadavia, O Carballiño e Sarria

A venda presencial na estación de Sarria, pendente da sinatura de contratos con persoal externo (Imaxe: Nós Diario).
Ao longo desta semana a Adif recuperará o servizo de venda presencial que eliminou o 1 de xaneiro en cinco das oito estacións da Galiza. Mentres nas de Ortigueira, Burela, Viveiro, Redondela ou Guillarei se restabelecerá esta modalidade de venda, as de Ribadavia, O Carballiño ou Sarria deberán agardar a sinatura de contratos para que persoal externo, que despois será subrogado por Renfe, atenda nas ventás de servizo. 

O 1 de xaneiro oito estacións de tren galegas deixaron de ofrecer o servizo de venda presencial de billetes. Dúas semanas despois, após un compromiso entre Teruel Existe e o PSOE a Adif anunciou que retomaría de forma temporal o servizo, mais onte confirmou a Nós Diario que non o ofrecerá en todas as estacións galegas que pecharon.

Segundo fontes da Adif, as estacións do Carballiño, Ribadavia e Sarria están pendentes dun contrato, ao que se subrogaría despois Renfe, para a venda de billetes con persoal externo. "O persoal da Adif non pode realizar esta tarefa ao ser incompatíbel coas de xestión da circulación", afirman. Ao tempo, as mesmas fontes aseguran que as estacións de Viveiro, Ortigueira, Burela, Redondela e Guillarei retomaráse o servizo "ao longo desta semana". O organismo estatal lembra que ofrecerá a venda presencial temporalmente, mentres Renfe, a quen corresponde na actualidade, estuda como asumir esta xestión.

Ramiro Bello, veciño do Carballiño, confirma que tanto a estación de tren desta vila como a de Ribadavia permanecen pechadas. "Na do Carballiño, un cartel pendurado na porta avisa de que non hai venda presencial", conta a Nós Diario

Incidencias no transporte

Na cuarta feira, a Xunta anunciou a futura reunión entre o seu director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, co responsábel de Renfe na Galiza, Javier Pérez, para abordar os "incidentes rexistrados" no servizo ferroviario. Os problemas aos que fai referencia a Administración galega inclúen tanto ás infraestruturas como o material rodante. Nese encontro Maestro tamén demandará coñecer os plans da operadora sobre a venda de billetes nas estacións de menor amaño, abertas provisionalmente.

O Carballiño reclama máis medios

Ramiro Bello, natural do Carballiño, explica que hai uns meses a asociación xuvenil da que forma parte, Xuca, artellou unha

serie de reunións e unha manifestación para denunciar a precariedade dos sistemas de transporte público. Así naceu a Plataforma pola defensa do transporte público do Carballiño.

"Antes do Nadal recollemos propostas de mellora entre as veciñas, temos que darlles forma e a semana que vén convocaremos de novo a plataforma para presentar o resumo e elaborar o documento definitivo", resume Bello. A intención das súas integrantes é presentar o documento definitivo nun pleno municipal, no que solicitarán o apoio de todas as forzas políticas para empregalo como unha base para "recuperar servizos".

Este estudante denuncia que tanto as conexións ferroviarias como as de autobús que parten e chegan á vila son deficientes;  tamén sinala a inacción das institucións políticas. "Danse todos os pasos para a desaparición do rural, está claro que non interesamos a ninguén", denuncia Bello.