Fallos nas máquinas que Renfe instalou como alternativa á venda presencial

Un convoi de FEVE, na liña Ferrol-Ribadeo (Imaxe: Nós Diario).
Desde o 1 de xaneiro oito estacións de tren galegas só venden billetes a través de máquinas automáticas. A medida causou indignación desde a Mariña até Redondela, pasando polo Carballiño. A cidadanía denuncia o desmantelamento do tren de media distancia e a súa progresiva
"deshumanización". 

"É importante chegar rápido, pero é máis importante non deixar a ninguén atrás”. Con esta mensaxe a compañía Renfe presenta Avlo, o seu servizo de Alta Velocidade a prezos reducidos. A súa promoción coincide no tempo cunha polémica decisión tomada pola Adif, a Axencia de Infraestruturas Ferroviarias, de deixar de prestar o servizo de venta presencial de billetes en oito estacións galegas: as de Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela. As veciñas destes municipios denuncian que elas quedan atrás.

Renfe anunciou que tomaría o relevo no despacho de billetes, asegurando que seguiría sendo presencial naquelas estacións cunha media superior a cen pasaxeiras o día. Segundo datos facilitados por fontes de Renfe a Nós Diario as estacións galegas quedarían excluídas: Ortigueira ten unha media de 26 viaxeiras diarias, Burela de 31, Sarria de 26, Viveiro de 22, O Carballiño de 40, Ribadavia de 10, Guillarei de 23, e Redondela de 49. 

A plataforma en defensa do tren Ferrol-Ribadeo alerta de que as máquinas expendedoras de billetes deron malos resultados en Ferrol, onde levan tempo funcionando. "Especialmente para as persoas maiores, que teñen dificultades para empregalas", explican a este medio. Nas estacións da Mariña nas que se instalaron máis recentemente, as máquinas están fóra de servizo, denuncia a plataforma.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.