O uso do bus urbano medra 30% na Galiza, mais segue por baixo de 2019

Autobús urbano en Compostela (Foto: Nós Diario).
O transporte urbano público ten hoxe un millón menos de persoas usuarias que ao remate de 2019, antes da irrupción da pandemia no país.

As persoas viaxeiras transportadas por autobús urbano na Galiza aumentaron 29,8% en novembro de 2021 a respecto do mesmo mes do ano anterior, cun total de 4,362 millóns de usuarios e usuarias.

De xaneiro a novembro de 2021, o transporte urbano en autobús medrou no país 16,4% de media, segundo informou esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

No conxunto do Estado español incrementáronse os usuarios de autobús 48,4% na variación interanual o pasado mes de novembro. Todos os territorios presentan taxas anuais positivas no transporte por autobús.

As maiores subidas danse na Rexión de Murcia (91,8%), Asturies (75,7%) e Andalucía (63,5%). Pola súa parte, Canarias (16,9%), Euskadi (26,7%) e Galiza (29,8%) rexistran os menores incrementos en autobús.

Lonxe das cifras prepandemia

Se ben a repunta no número de persoas usuarias do transporte urbano permitiu o pasado ano superar con creces as cifras de 2020, hoxe o autobús segue a ser menos utilizado que antes da pandemia.

Así, en novembro de 2019 houbo 5,533 millóns de persoas viaxeiras no transporte público da Galiza.

Aliás, a excepción de 2020 e 2021, condicionados pola irrupción da pandemia, o país non baixara dos cinco millóns de usuarios e usuarias de autobús urbano en toda a serie histórica do INE, con datos desde 2012.