O uso agroforestal do territorio, máis beneficioso para o medio e as persoas

O proxecto Bosques Naturais reconverteu en forestal un territorio agrícola ao que acabou sumando o pastoreo. (Foto: Bosques Naturais)
A biomasa require saídas alternativas fronte aos incendios e o abandono.

"Temos que usar máis o monte". Usalo máis e usalo mellor, anima a profesora da USC Rosa Mosquera en conversa con Nós Diario. Esta experta en sistemas agroforestais, presidenta da Asociación Agroforestal Española, participa hoxe nas xornadas Luís Asorei promovidas pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo cunha conferencia sobre "Os servizos ecosistémicos nos sistemas agroforestais".

Os servizos ecosistémicos, explica, son as prestacións que ofrece calquera tipo de territorio: económicas, ambientais e sociais. Mellorar a provisión deses servizos é un obxectivo que ademais de estudar, defende desde a Galiza, para maior aproveitamento dos montes e da superficie agraria. Neste sentido, destaca os beneficios dos sistemas agroforestais, aqueles que combinan as prácticas forestais coa agricultura ou o pastoreo nunha mesma unidade de terra. "Entre as principais vantaxes están a eficiencia no uso dos recursos, tanto dos nutrientes do solo como da propia luz".

Un aproveitamento eficiente do territorio supón un aumento da biomasa. Mais non abonda con producila, cómpre saber que facer con ela. Mosquera lembra que o alto risco de incendios na Galiza vai moi ligado á "fantástica produción de biomasa que se dá na primavera e que seca no verán". Eliminar ese risco pasa por usar o monte, mais tamén o terreo agrícola, por aplicar alternativas que supoñan unha mellora tanto para as persoas como para o medio ambiente.

Secuestro de carbono

Outra das vantaxes que ofrecen as técnicas de manexo e uso dos terreos agroforestais é a fixación de carbono ao solo e ás plantas. "Se incrementas a biomasa significa que tes maior capacidade de secuestrar carbono. Tamén aumenta a biodiversidade e mellora o uso dos nutrientes do solo a través da ecointensificación".

Atrás veñen os beneficios sociais. "Os produtos que se obteñen precisan de menos insumos externos, polo tanto son máis saudábeis para as persoas, que tamén se favorecen da redución da emisión de gases de efecto invernadoiro e da mellora da paisaxe", enumera Rosa Mosquera.

Os beneficios dos sistemas  agroforestais superan os dos agrícolas, gandeiros e forestais simples, que sempre poden mudar cara un sistema multifuncional. "As superficies agrícolas só teñen que engadir un compoñente leñoso, por exemplo, sebes vivas no canto de valos de pedra. Os sistemas forestais, pola súa parte, poden incorporar froiteiras ou introducir gando no monte".

Na Galiza non hai datos que confirmen as hectáreas destinadas a este tipo de manexo multifuncional. "É moi escaso o seu uso. Estimamos que os sistemas silvopastorais non chegan a 10% do uso potencial de pastos. O que prima é o abandono. Hai moito terreo, potencialmente agrícola, que está abandonado, entre un 30 e 40%". Fronte a este desleixo sitúa dous exemplos en positivo: A Carqueixa (Os Ancares), "unha zona de monte na que se introduce gando", e Bosques Naturais (Arzúa), "un terreo agrícola que transformaron en forestal coa plantación de cerdeiras e nogueiras.

Co tempo decidiron mellorar a competencia do bosque e introduciron ovellas. De 24 pasaron a 500. Hoxe obteñen produción das árbores, do esterco das ovellas e  da carne das ovellas, a través da bioeconomía e da economía circular".

"Un pequeno acordo é un éxito no cume do clima da ONU"

Rosa Mosquera é observadora oficial do Panel Internacional do Cambio Climático. Para a catedrática da USC, a COP27 "alcanzou no último minuto un pequeno acordo que fixo que a cimeira non fose un completo fracaso".

Un fondo para os países máis vulnerábeis que non evita a "decepción" de Europa. "Hai tempo que Europa lidera a loita contra o cambio climático, co seu discurso e con accións, con cartos para aplicar medidas a nivel local. Mais a preocupación é mundial. O problema é como se concreta.