A USC realiza unha enquisa para avaliar a saúde do océano na Galiza

Faro de cabo Home, ao fondo o monte do Facho de Donón, na Costa da Vela (Foto: Nós Diario).
Nesta investigación da universidade compostelá participaron persoas expertas en bioloxía, economía, ciencias mariñas, xestión de pescarías, equidade e gobernanza.

O grupo EqualSea Lab da Universidade de Santiago de Compostela (USC), comandado polo profesor Sebastián Villasante está a tentar saber a percepción que a sociedade ten sobre a saúde das costas galegas, baixo a pregunta ‘que é para ti un océano saudábel?’.

Con este fin a USC distribuirá entre a cidadanía, e durante varios meses, unha enquisa sobre o índice de saúde do océano na Galiza, un proxecto pioneiro en Europa e inédito no país.

Un os obxectivos deste grupo é afondar no coñecemento das relacións que se dan entre o mar e as zonas costeiras para impulsar cambios transformadores que contribúan para unhas sociedades máis equitativas.

O grupo ten de man persoas expertas en bioloxía, economía, ciencias mariñas, xestión de pescarías, equidade e gobernanza.

Villasante, investigador do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), destaca a importancia deste traballo enmarcado no proxecto internacional AtlantECO, pois permitirá “coñecer a resiliencia das nosas costas”.

Para alén desta iniciativa, o grupo desenvolve tamén, entre outras, o proxecto EQUALSEA co apoio financeiro do Consello Europeo de Investigación, e que se centra no estudo de cambios transformadores que eleven a sustentabilidade e a equidade dos océanos.

O Índice de Saúde dos Océanos

O Índice de Saúde dos Océanos (Ocean Health Index en inglés, OHI+) é un sistema que ten a súa base na análise dos beneficios e servizos que as persoas poden obter dos océanos, é dicir, os alimentos, os valores sociais e culturais e o emprego.

Esta metodoloxía foi desenvolvida pola Universidade de Santa Bárbara (EUA) no ano 2012 e clasifica un océano como ‘saudábel’ aquel que achega de maneira sostíbel beneficios para as persoas no presente e no futuro.

Este método é utilizado a nivel mundial para clasificar os océanos como saudábeis a partir de dez metas principais: provisión de alimentos, oportunidades para a pesca artesanal, produtos naturais, biodiversidade, medios de subsistencia costeiros e economía, turismo e actividades recreativas, sentido de pertenza, protección costeira, augas limpas e secuestro de carbono.

Galiza terá un índice único

Grazas ao traballo do EqualSea Lab Galiza disporá por primeira vez do seu propio índice que contará cun nivel de detalle do cal dispoñen poucos lugares no planta.

Villasante destaca a importancia da enquisa entre a sociedade, pois “Esta consulta pública axudaranos a entender mellor o vínculo da sociedade galega co medio mariño. Imos coñecer valoracións sobre a percepción da saúde do océano, as ameazas e riscos que poden afectar esta saúde da nosa costa e como as persoas vinculan un bo estado de saúde do mar ao seu propio benestar”, afirma.

Aliás, o método colaborativo co que se desenvolverá o OHI+ Galiza pretende ser un foro de encontro e aprendizaxe no que o coñecemento xerado contribúa para a mellora das ferramentas de conservación do territorio das costas galegas, pondo en valor as actividades pesqueiras, marisqueiras, a acuicultura e o turismo, entre outras