A USC estuda como combater as vivendas turísticas e a xentrificación das cidades

Dous turistas tiran unha foto na praza do Obradoiro en 2021, durante o Xacobeo, que multiplica o turismo cara a Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A investigación procura deseñar o "mosaico dunha cidade habitábel" recompilando experiencias de políticas públicas de éxito á hora de limitar o impacto dos alugueiros turísticos e da xentrificación.

Nas últimas dúas décadas, o prezo da vivenda duplicouse con respecto aos ingresos medios dos fogares no Estado español, subliñou Carles Donat, profesor no Departamento de Xeografía da Universitat Autònoma de Barcelona, durante as xornadas de investigación que decorreron onte na Universidade de Santiago de Compostela (USC) para abordar a problemática da vivenda e as propostas públicas ao respecto.

“No centro das cidades, mesmo nas compactas, hai fenómenos como a xentrificación ou os apartamentos turísticos que provocan unha revalorización dos alugueiros”, explica o coordinador do grupo ANTE, que impulsa a xornada, e catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC, Rubén Lois.

A consecuencia da xentrificación é que “as elites e clases medias acomodadas espantan a vellos residentes”, ao que hai que engadir a presenza de fondos de investimento como BlackRock, que “invisten moito no mercado inmobiliario porque polo xeral tampouco xera moitas perdas”, sinala.

Baseado nestes datos, Lois resolve que “o negocio é incompatíbel co dereito da cidadanía de vivir no núcleo urbano”, o que xustifica a aposta por “analizar políticas públicas que sexan un pouco renovadoras e poñan couto á expulsión dos residentes”, así como comprobar como estas medidas “poden limitar as vivendas turísticas e a entrada de grandes operadores”.

Indo aos casos máis extremos nos que percibe esta realidade, cita Palma de Mallorca (Illes Balears), Barcelona (Catalunya), Porto e Lisboa (Portugal). Esta última cidade -prosigue Lois- amosa como acaba gobernando a dereita polo cambio de habitantes, ao converterse nunha área “con propietarios que queren especular”.

Para tratar de albiscar un “mosaico dunha cidade habitábel”, congregáronse en Compostela expertas e expertos de universidades como a de Uppsala (Suecia) ou a Politécnica de Madrid, mais tamén movementos sociais como o Sindicat de Llogateres i Llogaters de Barcelona ou responsábeis públicas como Eva Tubío, edil de Servizos Comúns, Vivenda e Saúde en Cádiz.

 

A situación de Compostela

No que atinxe ao mercado de apartamentos turísticos, a capital da Galiza é un dos lugares cunha maior oferta. Durante a súa intervención, Carlos Bóveda, responsábel da área de urbanismo de Compostela, fixo fincapé en que a isto hai que engadir 16.000 prazas hoteleiras na cidade.

Amais, percorreu as distintas fases da expansión destas explotacións, que pasaron de ter vetada a presenza no casco antigo da cidade, a primeiro abrirse á actividade hoteleira, e despois aos pisos turísticos, ocasionando que, cando o problema se fixo patente, multinacionais como Airbnb xa tiñan moi avanzada a súa presenza.

Especialmente en Compostela, ten “que intervirse o mercado de apartamentos turísticos e regularse dun xeito máis drástico”, asevera Rubén Lois, que narra como, mesmo coa información de expulsión de residentes e encarecemento da vivenda, “non se fixo no anterior goberno e foi un dos grandes erros de Compostela Aberta”, con Martiño Noriega na Alcaldía, “e non se está facendo no actual”, baixo a batuta de Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG).

 

As políticas públicas de vivenda na Galiza, desaparecidas

No país, Lois incide en que “as políticas de vivenda son moi frouxas nas cidades e é un tema que non se está desenvolvendo especialmente”, e defende unha “política de intervención e de reserva de solo residencial para persoas novas e clases traballadoras no centro urbano”.

Outro dos factores chave é a falta de vivenda social, “esqueceuse a promoción pública, hai moi pouca oferta”, resolve, lembrando que “a vivenda pública o que xera é un arrefriamento do mercado, e axuda a quen o necesita a acceder a unha residencia”.

Das investigacións, destaca que “moitos gobernos teoricamente de esquerdas escapan de abordar o tema, ou non entran a fondo, parece que a propiedade privada é un tabú”.