Social

Universitarias acusan "máis volume de traballo" e "falla de comunicación" co profesorado nesta crise

Aula universitaria (arquivo).
Un grupo de estudantes das diferentes universidades galegas promoveu unha enquisa online na que se recolleron "8.012 respostas" entre a fin de semana e a pasada segunda feira. 

Universitarias e universitarios galegos queren que se escoite a súa voz a respecto da xestión que se está a facer no ensino superior durante este crise sanitaria derivada da expansión do coronavirus. Para iso, un grupo de estudantes de diferentes centros galegos promoveu unha enquisa online na que se recolleron "8.012 respostas" entre a finde de semana e a pasada segunda feira. 

Estudantes das universidades de Compostela, Vigo e A Coruña participaron desta enquisa, segundo trasladan as promotoras, que reclaman unha "folla de ruta" que lles permita saber que materias van ter que estudar co obxectivo de poder organizarse "nunha situación que é nova para todos". 

"Somos conscientes de que probabelmente non haxa unha solución excelente, nin boa; e moito menos que poidamos saber cal é a máis óptima. Pero para a tranquilidade de todos, precisamos pedir unha folla de ruta", salientan. 

77% do estudantado que respondeu á enquisa di que agora ten "máis volume de traballo" que cando o curso funcionaba con normalidade. Así, 40,7% di que bota "entre catro e seis horas" diarias "traballando" e 34,8% refire "máis de seis horas". 

Os problemas non parecen vir da aula virtual, coa que 60,5% asegura non ter problemas. Porén, 66,7% destes estudantes resposta que si á pregunta "tes problemas co profesorado?". E os motivos principais para estes conflictos, segundo a enquisa, son a "falla de comunicación e información", o "exceso de traballo", que o profesorado "non se readapta e flexibiliza a materia á actual situación de confinamento, emerxencia e alerta social", a "falla dun método claro de avaliación", que os mestres "non están a impartir clase, pasotismo", os "horarios", "problemas de conexión" e a "falla de material dispoñíbel para realizar as tarefas tendo en conta a situación de confinamento". 

O feito de que o segundo cuadrimestre estea avanzando fai que máis da metade conteste que o "teletraballo" non é "a mellor maneira de dar clase". Así, a maioría tamén está dacordo na "suspensión definitivas das clases": 28,2% quere que ademais se aprace o calendario e 48,5% opta porque non se toque. 

Unha ampla maioría (92,7%) pide que se busque outro método de avaliación na actual situación. Aquí, tamén moitos aceptarían ser avaliados mediante "traballos online". "A avaliación online vese posíbel, polo menos nalgúns casos e tal e como se plantean agora as materias, en case 90% dos casos", apuntan as organizadoras da enquisa. 

A idea que non semella triunfar é a de que o calendario se extendese máis aló de maio, onde só 37,2% do alumnado que respondeu a esta enquisa contesta afirmativamente. 

Con estes datos pretenden chegar "ao Ministerio de Universidades, ás reitorías, ás comisións de Educación… A quen sexa que teña que tomar esta decisión e a quen sabemos que lle corresponde unha enorme responsabilidade, peso e dificultade". "Coas nosas respostas queremos aportar a nosa axuda para obter a mellor solución para todos nós, para o ben educativo e, así mesmo, para a sociedade no seu conxunto", engaden. 

Debido á "boa aceptación" da consulta, din, estabeleceuse un modelo a nivel estatal que continúa aberto "coa fin de procurar unha solución común, igualitaria e xusta ante unha situación excepcional que nos afecta a todos, e que, entre todos, debemos procurar unha solución".