Social

Anega reclama a "suspensión" do curso académico e unha selectividade "reducida"

Probas de selectividade (Arquivo).
O sindicato estudantil ANEGA defende que o actual estado de alarma "ten afectado de xeito irremediábel á normalidade do vixente curso académico" en todos os nives. 

O sindicato estudantil ANEGA reclama a suspensión deste curso en todos os niveis educativos, tanto no ensino medio coma no universitario e na formación profesional, pois considera que a COVID-19 e mais o actual estado de alarma "teñen afectado de xeito irremediábel á normalidade do vixente curso académico".

Dende a organización sinalan que "as ferramentas que se poñen a disposición de estudantes e docentes para continuar o curso, así como as axudas que procuran garantir o acceso do estudantado ás mesmas, eran unha boa solución co panorama que delimitaba un confinamento de dúas semanas", mais a situación actual, cun confinamento asegurado até o vindeiro 11 de abril, "fainos pensar que é momento de tomar medidas máis drásticas", din.

"Esta decisión non se debe unicamente aos problemas loxísticos derivados da situación, senón tamén á agudización das diferenzas sociais, do malestar psicolóxico que produce a corentena e da incapacidade de moitas estudantes e docentes para continuar a súa actividade", reflexionan desde ANEGA nun comunicado, buscando o recoñecemento "da parte máis humana de toda esta crise".

A suspensión do curso vixente, segundo explica, deberá ser acompañada da "creación de comisións de desenvolvemento do plan de estudos que garantan que os contidos que non van ser impartidos sexan trasladados aos estudantes da forma menos perxudicial posíbel, coa partipación do estudantado ou, no seu defecto, das ANPAS".

Probas de acceso á universidade

Nesta liña, o sindicato estudantil argumenta que "só se deben ter en conta os contidos dados presencialmente de cara ás probas de acceso á universidade". Propoñen que se leven a cabo os exames da ABAU "nas datas previstas pero cun contido reducido".

Ademais, en relación ao impacto que está tendo a crise na situación económica da meirande parte dos estudantes, a organización suxire "a devolución da parte da matrícula correspondente ao presente cuadrimestre ou unha redución substancial nas taxas de matrícula do curso vindeiro".

ANEGA fixo un chamamento a todos os axentes do ensino de todo o Estado a sumarse a estas reivindicacións "de cara a sumar forzas para que as consecuencas da crise non caian no estudantado, nin nos traballadores e traballadoras".