As universidades galegas non retomarán xa as aulas presenciais neste curso

Aula da universidade (arquivo).

As datas da ABAU extraordinaria son 15, 16 e 17 de setembro.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, o secretario xeral de Universidades, Díez de Castro, o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López, e os reitores das tres universidades galegas, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Julio Abalde (UDC) reuníronse na mañá desta segunda feira por videoconferencia. No marco desta xuntanza consensuouse, tal e como solicitaron os tres reitores, manter o calendario académico sen retomar as clases presenciais neste curso 2019/2020.

Esta decisión adóptase após confirmar o Goberno español que o Estado de Alarma se vai prorrogar até 26 de abril e que aínda podería alongarse máis. En calquera caso, a conselleira informou aos tres reitores de que desde a Secretaría Xeral de Universidades se lles enviarán unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino virtual.

Así mesmo, acordouse xuntarse novamente a finais de abril para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. O obxectivo é consensuar unhas condicións comúns que aseguren a equidade de todo o alumnado galego, independentemente da universidade na que curse os seus estudos.

Por outra banda, a conselleira reuniuse tamén esta mañá con membros da Comisión Interuniversitaria da Galiza (CIUG, con representación das tres universidades) para fixar as datas da ABAU extraordinaria, que na Galiza can realizarse os días 15, 16 e 17 de setembro.