Universidades galegas lideran dous proxectos contra a desinformación

Ana Belén Fernández Souto e Xosé Rúas son os investigadores principais de 'Fakelocal'.(Foto: USC).
USC, UVigo e UDC investigan as noticias falsas locais nun proxecto con colaboración europea. Ademais, a USC coordina unha iniciativa que empregará "intelixencia híbrida" contra a desinformación.

A proliferación de noticias falsas e de informacións non confirmadas que se difunden a nivel público é unha preocupación que vai máis alá do mundo da comunicación e repercute en toda a sociedade. Na actualidade varios proxectos de investigación universitaria con participación galega traballan neste eido en colaboración con centros semellantes de varios países europeos. 

Nun deles, o liderado pola Universidade de Vigo (UVigo) mais con participación de persoal investigador da Universidade de Santiago (USC), da Universidade da Coruña (UdC) e de varias universidades europeas, realizarase un Mapa da desinformación nas comunidades autónomas e entidades locais do Estado español e o seu ecosistema dixital (Fakelocal). 

O investigador principal, Xosé Rúas, explica que a intención é “ver o impacto que ten a desinformación a nivel rexional e local” tendo en conta que “as crises por desinformación non só parten do ámbito global cara ao local”, senón que poden darse tamén na dirección inversa, “coa intención de expandirse”.

O proxecto, que se estenderá até 2025, procurará realizar “un mapeo de actores e medios vinculados á desinformación” ademais de sinalar as “principais crises” derivadas da difusión de noticias falsas sufridas por Gobernos como o da Xunta da Galiza e dalgunhas cidades a nivel municipal. Nese senso, o proxecto busca “mirar, por unha banda, cara aos que traballan coa comunicación institucional e, por outra, cara ao impacto mediático”, subliña Rúas. 

Por outra parte, a participación en Fakelocal de persoal investigador de diferentes países permitirá levar a cabo un “estudo comparativo dos efectos da desinformación en corporacións locais” a nivel europeo. Neste sentido, contan con traballar coa Asociación de Televisións Rexionais Europeas (Circom), integrada por 376 canles de televisión de 38 Estados, entre as que se atopa a TVG

Intelixencia artificial contra as noticias falsas

Sobre a desinformación -desta vez con implicacións tecnolóxicas-, é a iniciativa Intelixencia híbrida para monitorizar, promover e analizar transformacións nas boas prácticas democráticas -liderada pola USC-, a que formará once científicos entre as candidaturas que se presenten de todo o mundo.

O responsábel do proxecto desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Pablo Gamallo, indica a Nós Diario que o proxecto “vai máis alá de traballar as noticias falsas” ao estudar tamén “a incitación ao odio contra minorías vulnerábeis e o acoso a través das redes sociais”.

O proxecto conta cun equipo de investigación multidisciplinar coa intención de empregar as ciencias humanas e sociais xunto ás ferramentas tecnolóxicas baseadas nos algoritmos de procesamento da linguaxe natural e Deep Learning ou Aprendizaxe profundo. 

“A intención é axudar profesionais en campos como o xornalismo coa automatización dalgunhas das tarefas para detectar a súa presenza”, sinala Gamallo, que adianta que nos catro anos que durará esta iniciativa “as ferramentas que se creen seguirán precisando do factor humano”.

No equipo participarán, daquela, lingüístas "que definan o discurso público, por exemplo en redes sociais" mais tamén "persoal investigador procedente das Ciencias Políticas e mesmo de Ciencias da Comunicación".