Unións Agrarias rexeita o proxecto de Altri: "Non é o que nos presentaron"

Faixa contra Altri sobre o río Ulla (Foto: Ulloa Viva)
"Non saímos dicindo 'non' aos eólicos de maneira xenérica, porque nos parece unha barbaridade; non dicimos que non se poden plantar eucaliptos e non dixemos de inicio 'non' a Altri porque no proxecto que nos presentaron había partes atractivas, pero tal e como está hoxe non podemos apoialo", sinala a organización agraria.

O sindicato Unións Agrarias (UUAA) mostrou o seu rexeitamento ao proxecto de Altri para instalar unha fábrica de celulosa e de fibras téxtiles en Palas de Rei (A Ulloa) que, na súa opinión, non é o que a empresa e a Xunta presentaron inicialmente, polo que avanzou que presentará alegacións. Nunha rolda de prensa en Lugo, o secretario de coordinación sectorial de UUAA., Félix Porto, asegurou que o sindicato non pode apoiar este proxecto "tal e como está".

"Non saímos dicindo 'non' aos eólicos de maneira xenérica, porque nos parece unha barbaridade; non dicimos que non se poden plantar eucaliptos e non dixemos de inicio 'non' a Altri porque no proxecto que nos presentaron había partes atractivas, pero tal e como está hoxe non podemos apoialo", aseverou.

Así, reprochou que "non se parece" ao presentado inicialmente hai dous anos que, lembrou, "era innovador", mais agora sostivo que se transformou "nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, que non só xera dúbidas, senón preocupación" en parte dos seus afiliados e nos sectores que representan.

"Hai unha serie de consideracións que non só nos xeran dúbidas, senón que nos xeran rexeitamento. Non podemos apoiar este proxecto", insistiu Félix Porto antes de avanzar que o sindicato presentará alegacións ao procedemento de autorización ambiental integrada.

Dúbidas

Así mesmo, o encargado de desenvolvemento rural de UUAA., Jacobo Feijoo, detallou que se atopan cun proxecto "distinto" ao que se lles explicou en abril de 2022 ao tratarse agora "dunha celulosa estándar, onde 70% da produción sería para pasta de papel e u30% para lyocell, sen o produto acabado", o que lles expón "moitas dúbidas".

Unhas dúbidas sobre as que, insistiu, son "tanto ambientais, como de abastecemento, como de posibilidade de financiamento".

Sobre o abastecemento, Jacobo Feijoo apuntou que cando se anunciou esta iniciativa aínda non se coñecía a sentenza do Tribunal Supremo que "despexou a permanencia de Ence na Galiza", polo que entende que Altri "contase que o escenario máis probábel era que Ence pechase e que non ían ter problemas de abastecemento".

Efectos sobre a agricultura ecolóxica

A preguntas dos medios sobre os efectos que esta factoría tería nas explotacións de agricultura ecolóxica, Jacobo Feijoo explicou que o que máis lles preocupa son "as posíbeis emisións da fábrica na contorna".

Tamén cre que pode ter "incidencia" na "acidificación dos chans" ou que xere "choiva aceda". En todo caso, indicou que se trata de aspectos técnicos que están a avaliar, do mesmo xeito que o abastecemento de auga que preocupa ás explotacións que utilizan auga do encoro de Portodemouros para limpeza e o traballo rutineiro.

Nesta mesma liña, tamén hai intranquilidade pola "presión para que se transforme terra de cultivo en novos eucaliptais".