Unha fuga de amoníaco do sistema de refrixeración foi a causa do falecemento dos mariñeiros do 'Albacora Catro'

O 'Albacora 4'. (Foto: Ministerio de Pesca)
Segundo fontes da Organización de Produtores Asociados de Grandes Atuneiros Conxeladores (Opagac), consultadas por Europa Press, esta fuga de amoníaco produciuse mentres se realizaban tarefas de reparación do  atuneiro no Porto Vitoria, a capital das Illas Seychelles.

Unha fuga de amoníaco do sistema de refrixeración foi a causante do falecemento de dous mariñeiros do atuneiro vigués Albacora Catro esta cuarta feira nun porto de Seychelles. Aínda que nun primeiro momento falárase dunha explosión, semella que finalmente esta non tivo lugar.

O sinistro, que tivo lugar nun período de tempo moi curto desde que os mariñeiros foron conscientes da fuga até a explosión, segundo apuntan medios locais galegos, acabou coa vida de dous mariñeiros, galegos os dous e residentes en Vigo, e deixou polo menos oito feridos.

Segundo fontes da Organización de Produtores Asociados de Grandes Atuneiros Conxeladores (Opagac), consultadas por Europa Press, esta fuga de amoníaco produciuse mentres se realizaban tarefas de reparación do  atuneiro no Porto Vitoria, a capital das Illas Seychelles.

Despois de coñecerse o fatídico suceso, unha delegación da empresa viguesa Compañía Europea de Túnidos, propietaria do buque, partiu xa rumbo Seychelles para axilizar os trámites necesarios, como as repatriacións dos corpos. Espérase que tarden polo menos un día en chegar ao lugar.

Dous falecidos

Segundo fontes consultadas por Europa Press  que os dous falecidos serían o xefe de máquinas e o primeiro oficial do buque, que se atopaban no fondo do buque no momento de producirse a fuga.

Os dous mariñeiros eran naturais da comarca do Barbanza. En concreto, un era de Palmeira, no municipio de Ribeira, e o outro de Xuño, no municipio de Porto do Son.

A  Opagac lamentou nun comunicado o falecemento dos tripulantes e desexou unha pronta recuperación dos feridos. Sete deles xa foron dados de alta, mentres que un dos mariñeiros continúa hospitalizado con insuficiencia respiratoria tras o accidente.

"Opagac expresa a súa solidariedade e apoio aos familiares e amigos dos falecidos e pon a súa disposición e á da compañía propietaria do buque todos os recursos que crean necesarios nestes momentos tan duros para tratar de paliar o máis posíbel a dor causada por este suceso", indicou.