A Unesco estudará o impacto dos eólicos nas reservas da biosfera

O monte do Gato, na reserva das Mariñas-Mandeo, onde se proxectan seis parques eólicos (Foto: Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo).
A reserva das Mariñas-Mandeo, onde están proxectados sete parques, celebra o anuncio e amosa o seu "rexeitamento absoluto" a estas construcións en espazos naturais protexidos.

O comité español do programa Persoa e Biosfera (MaB, en inglés), encargado de regular a Rede de Reservas da Biosfera, vén de encargar ao seu consello científico a elaboración dun estudo sobre a viabilidade das instalacións eólicas nestes espazos naturais.

Responde, deste modo, á demanda trasladada pola plataforma Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo e o Sindicato Labrego Galego (SLG), que nesta cuarta feira celebraron a noticia. Tamén a propia reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo valora de forma positiva o anuncio, e lembra que recentemente instou o Executivo de Pedro Sánchez a aplicar unha moratoria eólica a nivel estatal.

"A reserva amosa o seu rexeitamento absoluto aos parques eólicos que afectan o territorio. Por iso presentamos alegacións a todos os proxectos, deixando así clara a nosa postura", apuntan a Nós Diario desde a entidade.

"Agardamos que as alegacións a todos os parques xurdan efecto ao máximo e estamos xa dando pasos con miras ao futuro, propondo un debate sobre o modelo de transición enerxética e os posíbeis impactos nas reservas, pois é precisamente nestes territorios onde debemos ter unha visión de conxunto que integre múltiples factores, sociais, culturais, climáticos e ambientais, analizando todos en conxunto", engaden.

Na contorna do monte do Gato, que pertence á reserva betanceira, están proxectados seis parques eólicos que reunirían 40 turbinas. Son os proxectos das galegas Greenalia —Felga, Gato e Penas Boas— e Galenergy —Feás, Fontella e Seselle—. Aliás, no resto do territorio que abrangue a reserva da biosfera está en fase de tramitación o proxecto Legre, de Capital Energy.

Cómpre salientar, así mesmo, que dentro na recentemente aprobada reserva da Ribeira Sacra, O Courel e O Iribio están previstos outros trece polígonos eólicos, alén dos catro que Enel Green Power xa ten en funcionamento.

As reservas da biosfera —sete na Galiza— están compostas por tres zonas diferenciadas: de transición, tampón e núcleo. Esta última goza dunha protección especial, e nela só se permiten actividades "que non interfiran na conservación do ecosistema e aseguren a biodiversidade a longo prazo".