A Costa da Morte

O último solpor de Europa prodúcese estes días na Galiza

O último solpor do continente

Até 19 de setembro a Costa da Morte agocha o último solpor da Europa continental. Unha fermosa visión cun potencial turístico que incluso pode entrañar unha posíbel orixe pagá do actual Camiño de Santiago. O Pindo, pola súa altura, é un espazo desde onde ollar con toda plenitude o último solpor. Sobre este fenómeno Sermos Galiza conversa co profesor e investigador Jorge Mira.

A ampla franxa comprendida entre Cabo Touriñán e Fisterra permite contemplar o último solpor na Europa continental. Este fenómeno prodúcese nesta ubicación desde 18 de agosto até 19 de setembro e a canta máis altura unha persoa se sitúe, con maior plenitude poderá contemplalo. Así o indica o profesor e investigador Jorge Mira, que salienta o Monte Pindo como un magnífico sitio para gozar da despedida do Sol, aínda que como nativo de Baio, confesa a Sermos Galiza que calquera bo emprazamento de Laxe, Fisterra ou Touriñán son inmellorábeis escollas.

Este fenómeno débese a que a terra non está como aparece nos mapas, xa que ten o seu eixo de rotación inclinado respecto ao seu plano de órbita, é dicir, a forma en que o Sol alumea a Terra ao longo do ano vai mudando. Así, ao ollarmos desde o espazo exterior como é a raia que divide o día da noite sobre a superficie do planeta, veremos que esa liña non discorre sempre paralela ao meridiano de Greenwich, e precisamente neses días inclínase cara a Rusia, motivo polo que na Galiza temos o último solpor.

Mira sinala como entre os solsticios de inverno e verán o punto de último atardecer na Europa continental vaise desprazando desde o Cabo de San Vicente, a Cabo da Roca e a Cabo Touriñán

O catedrático da USC Jorge Mira sinala como entre os solsticios de inverno e verán o punto de último atardecer na Europa continental vaise desprazando desde o Cabo de San Vicente (Portugal) a Cabo da Roca (Portugal), a Cabo Touriñán e, desde aí, á complexa costa de Noruega.

Pouco despois do equinoccio de primavera, o último atardecer europeo pasa de Cabo da Roca a Cabo Touriñán e, aproximadamente un mes despois, a Aglapsvik, un lugar próximo a Tromsø e logo Masøy, ambos en Noruega.

Posibelmente houbese un camiño pagan que percorrese Europa até a Costa da Morte, para ver precisamente “a morte” do Sol. De feito, Mira sinala a existencia de teorías que apuntan á orixe pagá do Camiño de Santiago, baseado este nun roteiro na procura da fin do mundo e de explicacións á preguntas existenciais.

Esa idea recóllese tamén por Mira en A costa do solpor europea. Unha irmandade atlántica definida astronomicamente, artigo publicado en varios idiomas e en galego na revista Grial e no que se trata precisamente o último solpor en Europa.

“Tal reciclaxe de ritos pagáns polo mundo cristián puido realizarse tamén coa ruta en si. Segundo algúns historiadores, esa ruta de peregrinación cara ao punto de observación do último Sol podería ser o xerme do posterior Camiño de Santiago.

Compostela está, de feito, a só uns 60 quilómetros en liña recta de Fisterra e, como é ben sabido, a partir do século IX converteuse no foco dunha das principais rutas de peregrinación de Europa. Hoxe en día, moitos dos actuais peregrinos que chegan ata Santiago continúan o camiño ata a Costa da Morte (principalmente a Fisterra e Muxía)”, sinálase no artigo de Mira.