O monocultivo do Camiño

Como nos ven as turistas?

Camiñar cara a un turismo non baseado no monocultivo do Camiño [Imaxe: santiagoturismo.gal]

Dependendo de posíbeis tipoloxías de turistas, a imaxe que sobre a Galiza teñen as persoas que nos visitan varía. Nesa cuestión afonda a investigación do grupo Galabra da USC, dirixido polo profesor e filólogo Elías Torres, e divulgada a través de mostras na Alameda de Compostela, dando a coñecer como mudou a percepción da capital galega no imaxinario internacional.

A pesar da procura de desestacionalización do turismo por unha grande parte deste sector, os meses do verán seguen a ser os de maior atracción para as persoas que visitan a Galiza. Con todo, durante a tempada denominada media-baixa, á que corresponden os primeiros cinco meses de 2019, o país experimentou o incremento porcentual máis alto de turistas respecto a outros territorios do Estado, segundo desvelou o Instituto Nacional de Estatística.

Gastronomía, música, praia e festa adoitan ser as máis procuradas, e como emprazamento e xoia arquitectónica figura a Catedral de Santiago á cabeceira.

Porén, a masificación turística do centro compostelán provoca moitas veces que a poboación local evite a zona antiga da capital e, en lugar de desfrutar das súas prazas públicas, remata escapando das aglomeracións, berros e do encarecemento do nivel de vida e da vivenda que un modelo de turismo masivo provoca sobre a zona vella.

Segundo o lugar da cidade en que vive, a veciñanza amosa puntos de vista diferentes sobre o turismo, tal e como sinaliza a investigación do grupo Galabra da USC, dirixido polo filólogo Elías Torres e do que Sermos Galiza xa informou no número 358 do semanario en papel. Así, sabemos que a existencia de persoas residentes que gostarían doutro tipo de turismo cífrase en 52,8% no barrio de San Pedro, onde se sitúa a entrada do Camiño Francés; entre 42,6% e 37,5%% en Santa Marta e Choupana, por onde discorre o Camiño Portugués; e 35,4% na zona vella.

A existencia de persoas residentes que gostarían doutro tipo de turismo cífrase en 52,8% no barrio de San Pedro

O paradoxo atópase precisamente en que Santa Marta é unha das zonas compostelás en que o modo de vida está menos alterado polo turismo, situándose nun 2’35%, mentres que a media da urbe alcanza o 3’11%. A explicación atópase no perfil relativamente novo das e dos habitantes deste barrio, unha das zonas en expansión. Todo indica pois, que o desexo destas persoas de contar con outro tipo de turismo débese máis ben a ollar a alteración que ese fenómeno produce sobre os hábitos de vida en espazos que habitualmente frecuentaban ou onde moraban, é dicir, a zona vella, o barrio de San Pedro...

Agora tamén podemos saber cal é a imaxe que teñen as e os turistas da capital galega e das persoas que a habitan

Mais agora tamén podemos saber cal é a imaxe que teñen as e os turistas da capital galega e das persoas que a habitan, grazas á investigación do grupo Galabra. O seu traballo amosa como a partir dos anos 90 mudou a percepción de Santiago no imaxinario local, galego e internacional debido ao impulso turístico do Camiño polo goberno de Manuel Fraga.

Así, o estudo remarca que a imaxe que as persoas visitantes teñen sobre Santiago está dominada por elementos vinculados á cuestión xacobea. A Catedral, o Camiño, o Apóstolo, a relixión ou a Praza do Obradoiro son os elementos máis sobresalientes para quen olla a cidade desde fóra.

O estudo sinala tamén que durante a visita á cidade prodúcese unha evolución da imaxe preexistente, grazas á diversidade dos elementos que se ollan no espazo físico. De feito, durante a visita á cidade, o turista nos seus discursos, amosa unha presenza do camiño inferior á proxectada nos discursos institucionais. Ademais é capaz tamén de percibir a existencia dunha relación entre a Galiza e o norte de Portugal e incluso co Portugal enteiro.

Durante a visita á cidade, o turista nos seus discursos, amosa unha presenza do camiño inferior á proxectada nos discursos institucionais

Outra das análises salientadas no estudo apunta a que as e os turistas na súa maioría non ven a cidade de Compostela como capital galega nin como cidade histórica e universitaria, mentres que as e os visitantes galegos si a recoñecen como tal.

Hai un grupo moi numeroso de turistas que non pernoctan en Santiago, procedentes do Camiño, cruceiristas e visitantes chegados en autobuses cuxo obxectivo fundamental é ollar e tocar a Catedral.

Hai tamén un grupo importante de turistas, que cada vez vai a menos, tipificado como “o turista clásico” que quere ollar a Catedral mais tamén visitar a cidade patrimonial, cultural, universitaria e desfrutar da gastronomía. Este é o que mellor empatiza coa cidade e coa súa veciñanza. A este tipo de turista seméllase o visitante que acode a congresos universitarios, pois é xente que pasea e visita a cidade.

O director do grupo investigador, Elías Torres, apunta a Sermos Galiza a necesidade de investir máis recursos en coñecemento sobre o turismo en lugar de dedicalos directamente á promoción turística de Santiago sen previamente realizar unha definición de que modelo de turismo se desexa.

Torres aposta por fuxir da espectacularización da zona vella de Compostela como se fose un parque temático, e ampliar a calidade de vida local

“É moi importante que, estando a favor dun tipo ou doutro de turismo, as institucións invistan en investigar e en coñecemento de tipos e perfís de visitantes para poder planificar o sector”, afirma Torres. Nese sentido, aposta por fuxir da espectacularización da zona vella de Compostela como se fose un parque temático, e ampliar a calidade de vida local. “Por tanto hai que pór o foco en medidas sociais, ambientais, de recursos e dotar de servizos e de asistencia o centro de Compostela, porque o importante é que unha cidade sexa habitábel, e iso pasa polo control do prezo dos alugueres, dar asistencia  especialmente a poboación envellecida  e tamén á xente nova e aumentar os servizos. Hai moito que facer a nivel local”, sinala Torres.

O profesor sinala a necesidade de elaborar por parte dos gobernos discursos sobre outros usos da cidade diferentes “ao monocultivo do Camiño”

Conclúe o profesor coa necesidade de elaborar por parte dos gobernos discursos sobre outros usos da cidade diferentes “ao monocultivo do Camiño” e lanzar unha imaxe para o exterior en sintonía coa visión que temos os galegos e as galegas de Compostela como cidade universitaria, capital da Galiza e cidade histórica, para que as persoas que veñan usen a urbe en función do discurso que se desexe difundir”. “ A tempo estamos de modificar isto e de tomar decisións neses sentido”, remarca Torres.