Jakson Renner, profesor e investigador

“A xente quere turismo, mais non desta maneira”

Jakson Renner

A veciñanza de Compostela aprecia, en termos xerais, o turismo mais deséxao doutra maneira, cun carácter máis cultural e amigábel. Sermos Galiza conversa co profesor Jakson Renner Rodrigues sobre os efectos deste fenómeno na poboación da capital e sobre como esta olla as e os visitantes.

Jakson Renner Rodrigues desenvolve unha investigación co obxectivo de coñecer a opinión e as perspectivas das persoas residentes en Compostela sobre o turismo. Trátase dun estudo posdoutoural realizado co Grupo de Análise Territorial da USC e o Laboratorio de Paisagens, Património e Territorio da Universidade do Minho. Jakson Renner é ademais profesor do Curso de Turismo da UdC e do Departamento de Organización e Comercialización de Empresas da USC, así como de doutor en Planificación do Turismo.

Ten Compostela un turismo masificado?

Teno, son moitos os estudos que así o indican. Pese a isto, séguese a fomentar unha imaxe de Santiago determinada co obxectivo de atraer máis turistas, é dicir, continúase a investir na comercialización deste destino. Na miña opinión hai un nivel abondo de turismo e deberíase apostar na diversificación. A este respeito, é evidente que cada vez hai unha menor oferta cultural na cidade, menos exposicións, eventos de rúa, festivais... Eu polo menos así o noto desde que cheguei alá en 2004.

Séguese a fomentar unha imaxe de Santiago determinada co obxectivo de atraer máis turistas

Como afecta a masificación á veciñanza?

Das enquisas que realizamos entre as e os residentes da cidade para este traballo de investigación, ollamos que canto máis contacto a xente ten co turismo, máis crítica é con el. Se o contacto é por razóns laborais, a percepción negativa sobre o impacto é menor que nos casos onde o contacto é en entornos de lecer. De feito, en temos de ocio hai boa parte da poboación que ve alterado o seu modo de vida por culpa do turismo.

Hai unha tendencia xeral a desexar un turismo máis amigábel e con impactos positivos

Nestes casos hai unha tendencia xeral a desexar un turismo máis amigábel e con impactos positivos.

O turismo é bo para Santiago?

A xente que respostou a enquisa concorda, en termos xerais, en que o turismo é un fenómeno bo para a cidade. Ao mesmo tempo, coincídese tamén a nivel xeral en recoñecer que o turismo actual ten impactos negativos. Podemos resumilo do seguinte xeito: queremos turismo, mais non desta maneira.

Cales son os principais problemas que a xente sinala derivados do turismo?

En termos xerais laméntase que este modelo non axude a preservar os costumes e que non implique a creación de servizos para as persoas residentes.

Así, entre a xente que está nas zonas quentes do turismo, como o barrio de San Pedro e a zona vella, vese o turismo como masificado

Hai diferenzas por barrios nas percepcións. Así, entre a xente que está nas zonas quentes do turismo, como o barrio de San Pedro e a zona vella, vese o turismo como masificado e consideran que a situación ten que mellorar.

Está a darse tamén unha outra problemática relacionada coa suba de prezos de alugueiro e as vivendas turísticas. É un problema que a poboación non poida vivir na súa cidade.

Cales son os principais beneficios do turismo?

A veciñanza valora como impactos máis salientábeis o beneficio económico, xa que se crean postos de traballo para as e os residentes, favorece o contacto con persoas de diferentes culturas e o fomento da restauración de edificios e residencias.

A veciñanza valora como impactos máis salientábeis o beneficio económico, xa que se crean postos de traballo para as e os residentes

Isto non se pode coller como respostas totais, pois hai matices, xa que tamén se valora negativamente a pouca duración dos contratos laborais ou a estacionalidade do turismo.

Que tipo de turismo prefiren as e os habitantes de Compostela?

A xente amosa nas súas respostas un alto grao de coincidencia á hora de indicar a necesidade de apostar no turismo cultural, xa que segundo as súas consideracións é o que causa menos impacto negativo e o que resulta máis beneficioso.

Que principal medida demanda a poboación?

Valórase positivamente a implantación dunha taxa turística. Considérase un medio que melloraría o impacto económico, que sería positivo para a cidade e positivo para a propia veciñanza. Até sería beneficio incluso para desestacionalizar o turismo.