Ulloa Viva alerta dun "cambiazo" sen "xustificación acreditativa" dos límites de vertedura de contaminantes de Altri ao Ulla
Reduce a máis da metade o vertido de nitróxeno e fósforo, dous dos maiores contaminante, mais no expediente non consta documentación técnica que avale esa rebaixa.
A Plataforma Ulloa Viva denuncia un "cambiazo" nos valores límite de emisión (VLE) de vertedura declarados pola pasteira lusa Altri a respecto de dous dos contaminantes de maior impacto sobre as augas do río Ulla, o nitróxeno e o fósforo, en relación coa macrocelulosa que a compañía proxecta en Palas de Rei (A Ulloa).
Esta mudanza, alertan desde o colectivo "non ten outro obxectivo que pretender reducir o volume de carga contaminante ao río Ulla, sen que conste no expediente suficiente xustificación argumental por parte da promotora para tal redución respecto dos valores iniciais contidos na documentación sometida a exposición pública".
Tras consultar o expediente administrativo da DIA de Altri, posto a disposición da plataforma na súa condición de parte interesada, a entidade social advirte dun cambio nos VLE de nitróxeno e fósforo con respecto ao proxecto inicial, "no caso do nitróxeno, pasando de 15 mg/L a 8,5 mg/L; no caso do fósforo, de 1,86 mg/L a 0,5 mg/L".
De acordo cos datos achegados pola promotora da industria, esta modificación supón "unha redución de 43% para o nitróxeno e de 73% para o fósforo a respecto dos inicialmente presentados", unha rebaixa que segundo Ulloa Viva carece de documentación xustificativa, dado que a empresa só argumenta "isto púidose lograr despois de estudar xunto cos subministradores de tecnoloxías novos procesos/etapas para permitir reducir ao menor valor posíbel estes parámetros e sempre coa premisa/requisito de que se comprobasen factíbeis".
Un cambio non acreditado
Afirman desde Ulloa Viva que non consta no expediente "xustificación técnica acreditativa de tal cambiazo, que non ten outro obxectivo que un artificio para expoñer unha suposta redución das verteduras de nutrientes –nitróxeno e fósforo– ao río Ulla e a un encoro de Portodemouros que xa conta actualmente cun volume elevado de ditos nutrientes e que verá agravado o problema de se instalar a macrocelulosa".
Para Ulloa Viva cobra especial relevancia un informe técnico de Augas da Galiza de abril de 2024 no que se advertía expresamente na súa conclusión, de que "as masas de auga superficial afectadas polo proxecto atópanse en risco alto de incumprimento dos obxectivos medioambientais debido a impactos comprobados de enriquecemento en nutrientes e materia orgánica no caso da masa de auga do encoro de Portodemouros e impacto por enriquecemento de nutrientes no caso da masa de auga do río Ulla", unha aviso, din que levou a Altri a "reducir artificiosamente e sen maior acreditación técnica" os valores límites de emisión para aparentar reducir a carga contaminante de nitróxeno e fósforo, sinalan desde a plataforma veciñal.
Neste sentido, Ulloa Viva chama a atención sobre a ausencia, no expediente do proxecto, de ningunha outra valoración ou informe por parte de Augas da Galiza referida á "nova documentación presentada por Altri como consecuencia do seu informe previo".
Informe externo e oculto
Porén, salienta o colectivo nun comunicado, "si consta no expediente que o informe favorábel de Augas da Galiza tivo como precedente, a respecto do impacto de vertedura, un informe externo solicitado á consultora Aquatica Ingenieria –concesionaria dun contrato de asistencia técnica a Augas da Galiza– en base á 'especial complexidade' do expediente" e que non figura na documentación do proxecto malia resultar decisivo salienta.
"Para a Plataforma Ulloa Viva a análise do conxunto do expediente de Altri relativo ao informe de Augas da Galiza evidencia as incertezas, sospeitas, interrogantes, xunto á certeza da externalización de informes e a omisión documental sobre un dos apartados mais relevantes e transcendentes como é o da vertedura de contaminantes".

