A UE ve "indicios" de ilegalidade na concesión do Álvaro Cunqueiro

[Imaxe: CIG] Algunhas deficiencias do novo hospital de Vigo

A Comisión admitiu a trámite a denuncia presentada pola Asociación para a Defensa da Sanidade Pública e investigará o modelo de xestión do hospital.

 

O conflito no novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, continúa aberto e vai acrecentándose día a día. Esta sexta-feira (20 de novembro) a Comisión europea vén de comunicar a admisión a trámite da denuncia presentada pola Asociación para a Defensa da Sanidade Pública ao ver "indicios razoábeis" de que se puido vulnerar a lexislación europea no proceso de concesión da xestión hospitalaria, segundo recolle o xornal local, Faro de Vigo

A asociación presentara a demanda perante a institución comunitaria no mes de setembro. Nela sinalaban que a Xunta introduciu importantes modificacións no proxecto inicial que supoñen que a área sanitaria viguesa verá reducidas en 517 as camas de hospitalización convencional; tamén se eliminou o hotel de pacientes, a gardería, a unidade de 160 camas de Coidados Mínimos-Intermedios, a unidade de docencia e investigación e a de rehabilitación; tamén desaparece o laboratorio central e o bloque cirúrxico redúcese de 35 a 24 quirófanos .

No que atinxe ao proceso de licitación, consideran especialmente grave que o Sergas incumprise o principio contemplado no prego de condicións de que o financiamento do proxecto debería correr “a risco e ventura” da empresa adxudicataria “porque foi a propia Xunta a que lle facilitou e lle avalou á concesionaria os cartos a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) e do Banco Europeo de Investimentos (BEI)".