As xefaturas de servizo do Chuvi denuncian a "falta de solucións" aos problemas do hospital

Masiva mobilización en defensa da sanidade pública en Vigo

Após un mes da visita do novo conselleiro de Sanidade amosan a súa "perda de confianza" na dirección.

 

Vinte e oito xefaturas de servizo das 40 coas que conta o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo veñen de remitir á Xerencia da Área sanitaria un comunicado no que lle trasladas a súa "perda de confianza" na dirección do Chuvi após ter transcorrido un mes desde a visita do novo conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, na que lle foron trasladados as carencias de material e mobiliario, así como as deficiencias na organización do persoal. 

Porén, desde entón non se puxeron en andamento "solucións" a estas problemáticas o que fixo explodir a paciencia dos xefes de servizo, até o momento en silencio. 

Neste senso, subliñan que o Foro no que se integran "colaborou en todo momento co máximo compromiso" na procura de "resolver os problemas xurdidos tras a posta en andamento do Hospital Álvaro Cunqueiro e a re-ordenación da actividade do Meixoeiro". Así as cousas, "perante a falta de solucións efectivas aos mesmos por parte da actual dirección da EOXI de Vigo" amosan a súa "perda de confianza na equipa directiva" e urxen "de maneira inmediata" a adopción das "medidas necesarias para solventalos" e cumprir adquiridos de mellora asistencial" na área sanitaria viguesa. 

As xefaturas de servizo lembran que colaboraron "en todo momento" mais rachan o silencio perante a "falta de solucións" 

As queixas das xefaturas de servizo súmanse ao goteo de demisións que se produciron nas últimas semanas, nalgúns casos con apenas 24 horas de diferencia. Entre elas, a do supervisor do servizo de Enfermaría de Urxencias, José Antonio Rey González, o subdirector e director de Procesos sen Ingreso e Urxencias, os doutores Juan Lázaro Anguís e Javier Caramés, e a do coordenador do servizo de Medicina Interna, o doutor Alberto Rivera.

Estas renuncias non foron admitidas pola dirección do hospital que, xunto co goberno galego, tenta minimizar o conflito do Chuvi. Nos últimos días, mesmo o persoal de limpeza iniciou protestas pola situación que atinxe o Álvaro Cunqueiro.