A UDC estudará os tipos de acoso ás mulleres nas redes sociais

Sole Agra e Julio Abalde na asinatura do convenio.
A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sole Agra, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, asinaron esta cuarta feira na sede da institución provincial o convenio para o financiamento de actividades do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEFEX).

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sole Agra, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, asinaron esta cuarta feira na sede da institución provincial o convenio para o financiamento de actividades do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEFEX) da UDC. En concreto, o convenio regula o apoio da Deputación para o desenvolvemento da primeira Acción positiva contra a toxicidade na rede e para o programa Diálogos entre feministas.

O obxectivo do programa, que suporá un investimento de 43.750 euros financiados en 80% pola Deputación e 20% pola UDC, é afondar no estudo dos tipos de acoso e outras formas de violencia ás que se ven sometidas as mulleres políticas nas redes sociais e desenvolver unha acción positiva que contribúa a visibilizar e contrarrestar este fenómeno.

Segundo explicou Agra, “a frecuencia e virulencia desta hostilidade contra as mulleres débese entender como parte dunha loita de poder con inxerencia da ideoloxía do odio, a misoxinia e as falsas narrativas, que atenta contra a base mesma das sociedades democráticas. Neste contexto resulta preciso analizar como se artella esta toxicidade, ao tempo que estabelecer fórmulas para revertela”

Pola súa parte, Diálogos entre feministas vai proporcionar visibilidade a diversos enfoques e perspectivas respecto a temáticas e obxectos de reflexión-acción do feminismo. A partir do diálogo entre académicas, activistas e o seu carácter aberto á participación do público, búscase achegar outras correntes de pensamento que contribúan á reflexión crítica.

O Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEFEX) constitúe un centro de investigación interdisciplinario que se enmarca no contexto dos centros propios da Universidade da Coruña, un espazo de formación onde se desenvolven cursos en torno a diversas temáticas e dirixidos a distintos tipos de público, co obxectivo de ofertar contidos e formatos de gran calidade que redunden nunha mellora tanto da actividade investigadora como da práctica profesional no caso de persoas que traballan ou queren traballar no eido da igualdade.

Tamén é un espazo de encontro e de diálogo en permanente contacto coa realidade social máis próxima, así coma con redes de traballo e comunicación que permiten establecer conexións con outras latitudes.