UDC e Concello da Coruña poñen en marcha un directorio para recoñecer o traballo de mulleres científicas

A investigadora Jimena Fernández de la Vega e Lombán. (Foto: RAGC)
Un total de 157 fichas de científicas de renome, coas que se pretende visibilizar o traballo destas mulleres nos seus respectivos campos de investigación.

A Universidade da Coruña (UDC) e o Concello da Coruña veñen de pór en marcha UDCientíficas,un directorio de mulleres científicas que ten por obxectivo "avanzar na loita contra as desigualdades de xénero" e "visibilizar" o seu talento e traballo nos medios de comunicación.

Polo de agora, o portal web recolle o perfil de 157 profesoras con datos do seu labor científico e de contacto, pero a previsión da universidade é de "duplicar" esa cifra ao longo de 2022.

"Nos medios españois as mulleres apenas supoñen tres de cada dez fontes expertas e só 13% das fontes académicas"

A iniciativa nace como resposta da UDC á última edición do informe 'Quen figura nas noticias', do proxecto Monitoreo Mundial de Medios 2020.

Unha das conclusións que achega este informe é que "nos medios españois as mulleres apenas supoñen tres de cada dez fontes expertas e só 13% das fontes académicas".

Estrutura do directorio

O directorio estruturarase arredor de áreas de coñecemento, especialidades e liñas de investigación. As interesadas poderán facer unha busca a partir dunha palabra clave que as conecte cun tema concreto e as investigadoras vencelladas.

Cada unha das fichas destas investigadoras e expertas recolle un enlace a súa páxina de persoal docente e investigador da Universidade da Coruña e ao seu Google Scholar.

Ademais, poderase acceder ao seu perfil na plataforma Orcid, un sistema que dota dun identificador dixital único e persistente a persoas do ámbito científico e académico. Permite integrar publicacións e outros datos da traxectoria académica das persoas investigadoras.