A Universidade da Coruña (UDC) e o Concello da Coruña veñen de pór en marcha UDCientíficas,un directorio de mulleres científicas que ten por obxectivo "avanzar na loita contra as desigualdades de xénero" e "visibilizar" o seu talento e traballo nos medios de comunicación.
Polo de agora, o portal web recolle o perfil de 157 profesoras con datos do seu labor científico e de contacto, pero a previsión da universidade é de "duplicar" esa cifra ao longo de 2022.
"Nos medios españois as mulleres apenas supoñen tres de cada dez fontes expertas e só 13% das fontes académicas"
A iniciativa nace como resposta da UDC á última edición do informe 'Quen figura nas noticias', do proxecto Monitoreo Mundial de Medios 2020.
Unha das conclusións que achega este informe é que "nos medios españois as mulleres apenas supoñen tres de cada dez fontes expertas e só 13% das fontes académicas".
Estrutura do directorio
O directorio estruturarase arredor de áreas de coñecemento, especialidades e liñas de investigación. As interesadas poderán facer unha busca a partir dunha palabra clave que as conecte cun tema concreto e as investigadoras vencelladas.
Cada unha das fichas destas investigadoras e expertas recolle un enlace a súa páxina de persoal docente e investigador da Universidade da Coruña e ao seu Google Scholar.
Ademais, poderase acceder ao seu perfil na plataforma Orcid, un sistema que dota dun identificador dixital único e persistente a persoas do ámbito científico e académico. Permite integrar publicacións e outros datos da traxectoria académica das persoas investigadoras.