Burghard Baltrusch é filólogo

Burghard Baltrusch: "É fundamental que alumnado e público poidan entrar en contacto con investigadoras"

Os docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch e Antía Monteagudo son os encargados de organizar o ciclo Vozes Mulheres nas literaturas en língua galega e portuguesa, aberto ao público e que constará de recitais e faladoiros do 3 de novembro ao 1 de decembro. Neste ciclo divulgativo e de estudo participarán especialistas portuguesas afincadas en Francia, Reino Unido e Portugal, así como a galega Chus Nogueira, da USC. Centraranse no estudo de autoras lusófonas e galegas como Chus Pato ou Isabela Figueiredo.  
Ambos os docentes imparten as súas materias na Facultade de Filoloxía e Tradución da Uvigo. (Foto: DUVI)
photo_camera Ambos os docentes imparten as súas materias na Facultade de Filoloxía e Tradución da Uvigo. (Foto: DUVI)

Cal é o obxectivo deste ciclo?

O principal obxectivo deste ciclo é relacionar as investigacións que facemos dentro do proxecto da cátedra de poesía e política cos estudos de xénero, centrándonos nunha materia que se imparte na Universidade de Vigo, Xénero e Literatura, coa vista posta na literatura galega e na lusofonía. Ademais, queremos corresponder co convenio que a cátedra ten co Centro Cultural Portugués de Vigo. Queremos dar un novo impulso ao diálogo transfronteirizo. A idea tamén é retomar a presencialidade despois de tantos meses de pandemia.

Que tipo de actividades teñen pensado desenvolver no marco do ciclo?

O ciclo vai combinar recitais, para os que contamos coas poetas Chus Pato e Luz Fandiño, que serán comentados e que terán unha parte posterior de debate e de preguntas. Imos levar unha parte do alumnado da Universidade de Vigo para que interveña no faladoiro e desenvolveranse nun espazo público, polo que quen queira asistir tamén poderá facelo, como maneira de conectar coa sociedade. A maiores, tamén convidamos varias especialistas. Temos a profesora Egídia Souto, da Université de la Sorbonne Nouvelle; Cândido de Oliveira Martins, da UCP-Braga; Ana Bela Almeida, da University of Liverpool; e Chus Nogueira, da Universidade de Santiago. Tratarán diferentes temas relacionados coa lusofonía e a poesía galega actual. Vencellaremos a divulgación co estudo teórico.

Este ciclo forma parte dun proxecto de traballo e estudo maior?

O ciclo, ademais de estar vencellado a unha materia específica, tal e como mencionei antes, está asociado a un proxecto de investigación sobre o poético e o político. Dentro deste proxecto, tamén nos interesa levar a cabo encontros entre investigadoras e creadoras. Nese sentido, imos manter unha continuidade. Xa tivemos antes do verán un faladoiro sobre unha poeta portuguesa que gravamos e que está dispoñíbel para quen o queira ver nos arquivos dixitais da Universidade de Vigo. Despois deste ciclo haberá novos faladoiros, simposios... Será un proxecto a dous ou tres anos vista.

Que importancia ten para a Universidade de Vigo organizar un encontro destas características?

É importante para todas aquelas titulacións de Humanidades que incorporan os estudos de xénero, dunha ou outra maneira. Tamén é fundamental que o noso alumnado por un lado e o público en xeral polo outro poidan entrar en contacto con creadoras e con investigadoras de universidades de orixe e formación distintas, máis complementarias. É importante que o alumnado vexa como investigadoras de Francia e Reino Unido, por exemplo, desenvolven perspectivas sobre a poesía lusófona e galega. A cosmopolitización da investigación é outro dos obxectivos.

Como se levou a cabo a escolla das poetas que serán estudadas ao longo do ciclo?  

No caso de Ana Luísa Amaral, é unha das poetas con maior peso dentro da literatura portuguesa na actualidade. Ela recibiu este ano o Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. Conta cunha gran proxección en Portugal e internacionalmente. No caso de Isabela Figueiredo, escritora de ficción e cunha forte capacidade de expresión poética, xurdiu na primeira década do século, e hoxe en día é unha das autoras en portugués que máis vende. Chus Pato é unha das poetas galegas vivas máis prestixiosas a nivel internacional. O mozambicano Mia Couto foi un dos candidatos a premio Nobel este ano, e aínda que non o chegou a gañar é un futuríbel candidato a conseguir este galardón dentro duns anos. É un dos autores africanos máis importantes na actualidade.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios