Twitter sofre unha nova caída a nivel mundial e todos os chíos mencionan Elon Musk

O magnate estadounidense e novo dono de Twitter, Elon Musk (Foto: Carina Johansen / NTB / dpa).
Persoas usuarias da Galiza tamén notificaron problemas na plataforma ao longo desta tarde.

A rede social Twitter, baixos os mandos de Elon Musk desde o outono pasado, sufriu unha caída a nivel global nas últimas horas que está a afectar o correcto funcionamento da plataforma  de microblogging.

As persoas usuarias foron as primeiras en sufrir e detectar a anomalía. Tamén as que desde o mediodía deste sábado comezaron a notificar as incidencias e a comunicar os fallos que impedían un uso fluído do sistema.

Segundo apunta o portal Downdetector, a onde se poden dirixir avisos e notificacións por erros no funcionamento da redes social, "os informes dos usuarios indican problemas en Twitter".

Foron moitas as persoas usuarias que se puxeron en contacto desde diversos puntos do mundo, tamén desde a Galiza, para dar conta da caída.

Musk, albo de todas as críticas

"Sentímolo, tes unha taxa limitada. Por favor agarda uns intres e téntao de novo". Foi a mensaxe de abraio coa que ao longo da tarde deste 1 de xullo se foron encontrando persoas de todo o mundo sen acceso a chíos do resto de usuarios.

Trátase dun fallo xeneralizado que afectou a Estados Unidos, Europa e Xapón. No Estado español, o mapa de calor que ofrece Downdetector amosa onde se concentran os informes de problemas enviados polas usuarias durante as últimas 24 horas, onde destacan Ourense e Vigo.

Desde a chegada de Elon Musk, cada fallo que paraliza Twitter agrava as críticas á súa xestión, moi cuestionada desde o primeiro día.

Musk revolucionou a plataforma a todos os niveis. Dentro das súas oficinas e tamén na propia apliación, con despedimentos, recortes e mudanzas nas condicións e prestacións que incomodan cada vez máis o colectivo de usuarios.