A TVG non informou da absolución de Callón até o día seguinte porque ''a noticia era a denuncia, non o veredicto''

Di o director xeral da CRTVG que a televisión pública dedicou máis tempo a informar sobre a denuncia interposta polo xuíz Fraga Mandián contra Carlos Callón "porque iso o verdadeiramente interesante" e que non segue o blogue en que @s traballador@s do ente denuncian a manipulación "porque non teño por costume prestar atención a nada que sexa anónimo". Vídeos no interior.


"Entendo que o tratamento dado á nova da absolución do presidente da Mesa pola Normalización foi condicionado pola dinámica da actualidade dese día, con moitos asuntos de notable transcendencia coincidindo no tempo que obrigaron a deixar a nova fóra de escaleta ata atopar un oco no Bos días da xornada seguinte, un informativo "tan valioso como calquera outro". 

Foi esta a resposta que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, deu na comisión de control celebrada esta sexta feira no Parlamento galego, onde a deputada do BNG Ana Pontón se interesou polos motivos que levaron á televisión pública a dedicarlle moito máis tempo informativo á denuncia e ao xuízo que á absolución de Carlos Callón.

"Nós á Mesa dedicámoslle a atención que merece, e punto"

Segundo Sánchez Izquierdo, "a noticia, o verdadeiramente interesante, independentemente do veredicto" foi a demanda que o xuíz Fraga Mandián presentou contra Callón após este telo corrixido por empregar o topónimo ilegal 'La Coruña'.

Aliás, aproveitou para reclamar da Mesa "un recoñecemento a 29 anos como elemento normalizador da nosa lingua". Malia que nos actos e roldas de imprensa que organiza o colectivo pola normalización a presenza da radio e da televisión pública galegas non é habitual, o director xeral do ente explicou que "nós á Mesa prestámoslle a atención que merece, e punto".

"Agradézolle moito as súas explicacións porque demostran as causas da censura: que non lle gustan as opinións da Mesa", recalcou Ana Pontón na súa quenda de resposta, facendo fincapé nos ataques contra o galego que a asociación que preside Callón vén denunciando.

Reprochoulle tamén a censura á folga do ensino que se está a desenvolver nas Illes Balears após a aprobación dun decreto calcado do que na Galiza impuxo o PP e que reserva para o catalán unicamente o 33% das aulas. Sánchez Izquierdo afirmou que non dá seguimento ao blogue eunonmanipulo en que @s traballador@s da CRTVG denuncian a manipulación nos medios públicos "porque teño por costume non prestarlle atención a nada que sexa anónimo".