A CRTVG recurta en produción propia namentres paga o 50% dunha serie española

O director xeral da CRTVG explica a eliminación de programas como Reporteiros da grella da televisión pública por requerir dun custe "inadmisíbel do punto de vista económico e de recursos humanos".


O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu a achega do 50% do financiamento que o ente público galego fixo a El Faro, un culebrón cuxa rodaxe se realizará en plena crise e onde as condicións laborais ofrecidas aos e ás traballadoras foron denunciadas pola Coordinadora de profesionais do audiovisual galego.

Para alén de defender a partida destinada, permitiuse ironizar sobre as críticas que a deputada do PSdG Concepción Burgo López, autora da pregunta, realizou: "non reflicte en ningún momento a identidade cultural galega e tamén fica afastado da nosa lingua".

Na súa quenda de resposta, Sánchez Izquierdo resumiu o argumento como un romance onde a filla e o fillo de dúas familias enfrontadas acaban por namorar. "Non sei se lle soa galega ou allea esta problemática", dixo entre risos. Aliás, afirmou que "non vexo ningunha liña vermella que acoute os escenarios nin os argumentos a Galiza se o proxecto é bon". 

Ao redor da polémica que agromou coa denuncia da Coordinadora, situando as rebaixas salariais entre o 30 e o 50%, o director do ente público dixo ter coñecemento unicamente "das tensións propias de cada negociación entre traballadores e empresa". 

'Reporteiros' desaparece da grella por falta de orzamento

Na mesma comisión de control, a deputada do Bloque, Montse Prado, preguntou a Sánchez Izquierdo pola caída da produción propia na televisión pública e acusouno de "deixar o persoal sen carga de traballo para dar pasos aparentando que a CRTVG é inviábel".

Segundo os dados expostos pola nacionalista, no primeiro trimestre de 2007 emitíanse 40 programas de produción propia, mentres que na actualidade "a cifra baixou a bastante menos da metade" malia que, tal e como sinalou, a dirección do ente incha os dados cuantificando como produción da casa "os programas informativos e a produción externa que se contrata".

Na súa quenda de réplica, Sánchez Izquierdo falou un a un de todos os programas que o Comité interempresas da CRTVG dixo que serían eliminados: Eirado "non desaparece"; A Revista Tarde abandonará as emisións "pola má acollida de audiencia, polo que é lóxico que desapareza"; Heiche cantar queridiña e No bico un cantar "esgotaron o seu ciclo"; e Reporteiros sairá da grella por ser "moi intensivo en carga redaccional e imposíbel de manter ao ter un custe inasumíbel, dun punto de vista económico e de recursos humanos".

A respeito desta última explicación, cómpre sinalar dúas cuestións. Dunha banda, @s traballador@s quéixanse de que coa caída da produción propia ficarán sen carga de traballo. Da outra, que o ente público achegará o 50% do financiamento para El Faro, un culebrón en español que nada ten a ver coa realidade da Galiza e onde o outro 50% o achegan entre 16 televisións doutros tantos territorios.