Expandir o turismo alternativo e en galego, o obxectivo do novo proxecto do guía Guido Álvarez

O turismólogo Guido Álvarez ante un mural en Vilalba (Foto: Pablo Lage).
Un dos principais obxectivos do proxecto de Álvarez é "tratar de ensinar recunchos menos coñecidos das urbes e das súas contornas, na procura de crear percorridos turísticos alternativos

Despois de 3 anos de paseos guiados e actividades case sempre en Lugo, o proxecto Guido Guía do turismólogo Guido Álvarez, ábrese este outono a outras cidades galegas baixo a liña de traballo que o guía viña segundo estes últimos anos.

Un dos principais obxectivos do proxecto de Álvarez é "tratar de ensinar recunchos menos coñecidos das urbes e das súas contornas, na procura de crear percorridos turísticos alternativos e de paso axudar así á dispersión e desconcentración dos fluxos de persoas que nos visitan".

En declaracións a Nós Diario, Guido Álvarez explica que "a idea vén da orixe do meu proxecto como autónomo. Ao pouco tempo pensei en facer paseos alternativos por Lugo e vin que era algo que a moita xente lle interesaba". 

Esta maneira de traballar foi, en palabras de Álvarez "chave" para a súa carreira e, ademais, seguía a súa "perspectiva como turismólogo de orientar paseos buscando un turismo ordenado e sostíbel que integre a poboación local no turismo para que non se sintan alleos".

Un turismo aberto e equilibrado

"Procuro insistir nesta idea de buscar un turismo aberto e equilibrado", asevera Álvarez ao tempo que indica que "este novo proxecto será unha oportunidade de plasmar o aprendido nos últimos anos".

Acerca do modelo turístico actual, Guido Álvarez manifesta que lle gusta "que se aposte polo turismo pero está claro que hai que mellorar. En xeral temos moito que aprender sobre planificación turística, xa que o turismo é un ámbito de estudo bastante recente".

O acontecido hai unhas semanas en Santiago de Compostela con situacións de masificación turística na zona vella da cidade, foi algo que tamén abordou Álvarez. Sobre isto, o guía destaca que se trata dunha "alerta para pór as pilas e que evitemos converternos no que foi Venecia en certos momentos".

"O turismo sempre vai existir, así que debemos buscar modelos que alivien a concentración de persoas en puntos concretos das cidades", asevera.

O turismo en galego é posíbel

O propio Guido Álvarez vírase envolto nunha polémica viral, cando algunhas persoas, por redes sociais, o criticaran por facer as guías en lingua galega. A este respecto Álvarez indica que "esas persoas existen e é unha pena, mais cada vez vexo máis xente de fóra á que lle gusta mergullarse na nosa cultura e descubrir o noso idioma. O turismo en galego é posíbel, por suposto".