Guido Álvarez, guía de turismo: "Nin os propios galegos coñecemos a nosa historia, ao contrario do que acontece en Irlanda ou Breizh"

Guido Álvarez é guía de turismo profesional cunha grande experiencia. Após once anos fóra de Lugo, catro deles entre Italia, Inglaterra, Francia e Alemaña, aséntase na cidade das murallas. Tivo moitas experiencias viaxeiras, sobre todo mochileiras, en algo máis de 30 países, e hai seis anos crea un proxecto propio co nome de ‘Guido Guía’, partindo dun café de idiomas. De maneira comunitaria facilita o encontro de visitantes de moitas partes do mundo cunha ollada 100% galega da contorna.    
Guido Álvarez, guía de turismo, fronte aos lagos de Teixeiro, no municipio de Lugo (Nós Diario)
photo_camera Guido Álvarez, guía de turismo, fronte aos lagos de Teixeiro, no municipio de Lugo (Foto: Nós Diario)

En que momento decidiu dedicarse profesionalmente ao turismo?

Naceu do sentimento que sempre tiven de percibir que vivimos nunha terra, Galiza, moito menos valorada do que debería. Especialmente Lugo, que está esquecido e merece moito máis do que ten. Por outro lado, vén dun profundo amor por este país e a vontade de compartilo co mundo. Tiven influencias nese sentimento por parte de meu pai, xornalista, e de miña nai, profesora de Historia. Decateime cando no Bacharelato estaba por ciencias e descubrín que o meu era o turismo. Gústame viaxar, a relación coa xente e a comunicación. 

Para ser guía hai que ter espírito viaxeiro?

Suma moito. Sendo guía relaciónaste con xente viaxeira e para poder entendela fai falta selo tamén. Ademais, viaxando aprendemos os diferentes enfoques que se lle dan ás actividades turísticas e ás visitas guiadas. É importante ter empatía cos participantes e inspirarse.

Estase vendendo ben Galiza a nivel turístico?

A nivel mundial existe a tendencia do turismo de masas, superficial, que considero que hai que evitar. Galiza evítao mellor que outros territorios. Creo que é positivo a idea dos camiños de Santiago como vertebradores do territorio, que pode axudar a desenvolver cultural e economicamente moitas zonas. O problema é que a materia pendente na Galiza é divulgar a nosa historia, o noso patrimonio e a nosa natureza. 

Hai moita marxe de mellora na posta en valor das marabillas que temos. Téndese a potenciar certas iconas típicas como é o caso da chamada praia das Catedrais (Ribadeo), que centralizan e masifican algúns lugares.

Hai moitas máis praias semellantes e fermosas perto. Nin falar de toda a Mariña como xeodestino viaxeiro, onde se poden desenvolver rutas pola cultura castrexa, romana ou doutras épocas. Traballa moi ben ese tema, por exemplo, Mariña Patrimonio, coa que se debería contar polo seu traballo de divulgación, igual que con outros colectivos do país, para desenvolver a oferta turística por parte das administracións. 

Nota a responsabilidade de trasladar unha imaxe do país?  

Temos moita responsabilidade. É unha profesión moi importante para o territorio que non se ten especialmente en conta nin está abondo regulada como debería. Nestes meses de pandemia, por exemplo, chama a atención as restricións que tivemos de guiar grupos de menos de dez persoas cando traballamos ao aire libre e hai actividades con maior concentración de xente en espazos fechados.

Por outro lado, coido que se debería contar máis con especialistas en Historia da Arte e mesmo da natureza. Achegarían moito. O enfoque actual non é tan profundo como debería e a imaxe que se vende queda máis coa gastronomía e as paisaxes bonitas. Nin os propios galegos coñecemos a nosa historia, ao contrario do que acontece en Irlanda ou Breizh. Hai que falar máis, por exemplo, da etapa sueva.

Hai rutas turísticas por descubrir, digamos unha Galiza oculta?  

Desde logo. Eu estou traballando con paseos polo Lugo máis descoñecido. Trato de ensinar lugares e curiosidades descoñecidas mesmo para os seus propios habitantes. Ademais, creo intercambios entre xente de aquí e de fóra. Por exemplo, que coñezan o bosque sagrado, o significado de Lucus Augusti que lle puxeron na época romana. Sempre tratando de levar os fluxos fóra do centro da cidade.

Comentarios