As turbinas do parque eólico Castrove, visíbeis desde o centro de Pontevedra

Proxección da poligonal e os aeroxeradores do parque eólico Castrove, que afectaría os concellos de Meis, Poio e Pontevedra (Infografía: Nós Diario - Google Maps).
Presentan alegacións contra o primeiro proxecto de enerxía eólica que afectaría os concellos de Poio e Pontevedra.

O parque eólico Castrove, que aínda non foi sometido a información pública no Diario Oficial da Galiza (DOG), iniciou a súa tramitación ambiental o pasado 22 de xullo. De se aprobar, estaría conformado por catro aeroxeradores que sumarían unha potencia total instalada de 24 megawatts (MW), e sería a primeira instalación eólica situada nos concellos de Meis (O Salnés), Poio e Pontevedra.

A empresa promotora é Cadaval e Ventoso SL, constituída en marzo de 2020 por Gerardo Santaolalla González, quen tamén está detrás do parque eólico Monte do Outeiro, en Agolada, e Francisco de Asís Caamaño Martínez, ex promotor de Iberdrola Renovábeis (2000-2019) e conselleiro de Sotavento Galiza SA —empresa pública presidida polo Inega que explota o parque eólico experimental Sotavento, en Xermade— entre 2013 e 2019.

Os muíños eólicos do monte Castrove ficarían a escasos seis quilómetros (km) da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) do Complexo Intermareal Umia-O Grove, a cinco km da Zona de Especial Conservación (ZEC) do río Lérez e a catro km da zona húmida da Enseada de Campelo.

Aliás, rexistrouse a presenza de senllos exemplares de dúas especies de morcegos e dúas aves —tartaraña cincenta e gatafornela— recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) como vulnerábeis. A promotora conclúe que "se ben se producirán unha serie de alteracións ambientais negativas, a súa magnitude en conxunto pode ser asumida polo medio".

"O parque eólico provocaría unha forte degradación da biodiversidade e a paisaxe", advirte Benito Andrade (APDR)

Porén, contra este proxecto vén de presentar alegacións a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), apoiada pola Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que forma parte. "Trátase dun entorno moi castigado polos lumes desde 2006, que agora comeza a recuperarse, mais o parque eólico provocaría unha forte degradación da biodiversidade e da paisaxe", sinala a Nós Diario o vicepresidente da APDR, Benito Andrade.

As turbinas, que alcanzarían unha altura de 200 metros, serían perceptíbeis nun radio de 15 km, polo que o impacto visual chegaría á zona centro da cidade de Pontevedra, a apenas seis km do aeroxerador máis próximo. Tamén afectaría, a nivel acústico, os núcleos habitados situados a menos de dous km de distancia do parque.

"Nós defendemos as enerxías renovábeis, mais esta non é a forma de desenvolvelas. Semella que este proxecto interesa máis polas subvencións e o beneficio económico que pola produción de enerxía", engade Andrade, quen alerta de que, alén da degradación do solo e a paisaxe, os muíños "afectarían a calidade de vida" das e dos habitantes destes concellos.

A APDR solicita a retirada deste proxecto e insta a participar na andaina reivindicativa que partirá este domingo ás 11 horas desde a capela de San Ramón (A Escusa) en dirección ao Alto do Castrove.

Autorizado un parque fragmentado de Greenalia

Noutra orde, o Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de notificar a concesión da autorización administrativa previa e de construción do parque eólico Monte Toural, promovido por Greenalia SA en Coristanco. Nós Diario xa informara o pasado 31 de xullo dun posíbel caso de "fragmentación artificiosa" en relación a este proxecto e os de Campelo e Bustelo, todos situados no mesmo emprazamento e cunha única infraestrutura común para evacuar a enerxía. De se presentaren de forma conxunta, teríanse tramitado a través do Estado e non da Xunta, xa que suman unha potencia total de 103,5 MW.