O TSXG suspende provisionalmente as obras do eólico no Iribio

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza considera que o acordo do Consello da Xunta para ese megaparque debe suspenderse mentres non se actualice a declaración de impacto ambiental (DIA) nin se xustifique o uso “pretendido pola Xunta”.

As obras do megaparque que se constrúe na Serra do Oribio, e que xeraron un forte rexeitamento de colectivos sociais, veciñais e ambientalistas, veñen de ser suspendidas provisionalmente polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). O alto tribunal considera que esas obras deben de ser suspendidas mentres non se actualice a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de 2005 e mentres que a Xunta non xustifique a prevalencia do uso “pretendido pola Xunta”.

Salvemos O Iribio valora de forma moi satisfactoria o auto do Tribunal porque "recolle todos os argumentos esgrimidos por este colectivo para impugnar o acordo da Xunta agora suspendido". Tal e como denunciou a plataforma, o Tribunal advirte que a DIA do proxecto, aprobada en agosto de 2005 pola Consellaría de Industria do goberno en funcións de Manuel Fraga, non contempla os cambios das circunstancias tecnolóxicas, enerxéticas e ambientais, ou normativas que se sufriron desde aquela e que agora deben terse en consideración para a autorización do parque. Neste senso, explican, o auto fai fincapé na disposición legal vixente que prohibe a instalación de novos parques eólicos en zonas da Rede Natura recollida no artigo 23 do Decreto 37/2014 polo que se aproba o Plan Director da Rede Natura. A Serra do Iribio forma parte desta rede de espazos naturais protexidos e está declarada ZEPVN e ZEC (Zona de Especial Conservación) Ancares-Courel. 

A decisión do TSXG prodúcese após varias denuncias presentadas por colectivos ambientalistas. En setembro a Plataforma Salvemos O Iribio urxe o TSXG a paralizar as obras do parque eólico nesta serra do Courel. Inciden en que esta serra está nun espazo natural protexido como ZEC e ZEPVN Ancares-Courel e Rede Natura, zona de campeo do Oso Pardo, especie en perigo de extinción, e área recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago.