Denúnciao a Plataforma Salvemos o Iribio

A Xunta autoriza proxectos “agresivos” no territorio onde quer crear unha nova Reserva da Biosfera

Foto: Adega

O movemento ecoloxista advirte que unha serie de proxectos “de graves impactos e ameazas” baten cos criterios e funcións que a Unesco exixe para declarar unha Reserva da Biosfera como a que a Xunta quer crear na Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.


 

A  Plataforma Salvemos o Iribio (integrada por máis de 20 organizacións) e Adega presentaron alegacións ao proxecto da Xunta para crear a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Estas organizacións apoian esa figura mais consideran que hai que chamar a atención das administracións responsábeis sobre a necesidade de afrontar os graves impactos e ameazas que persisten , “e mesmo se promoven”, sobre este territorio e que, afirman, poden comprometer os criterios e as funcións que Unesco esixe para declarar unha Reserva da Biosfera.

Son proxectos de “forte impacto sobre o territorio” e que porían en cuestión as funcións de conservación e desenvolvemento sustentábel recollidas no art. 3 do Marco Estatutario da Rede Mundial, denuncian. Aliás, indican nun comunicado, consideran “preocupante” que a Xunta estea a utilizar unha figura de protección máis “branda”, como é unha Reserva da Biosfera, para compensar “o seu desinterese e falta de vontade por ampliar a Rede Natura 2000 e aplicar o Plano Director neste territorio”.

A Plataforma enumera algúns deses proxectos “agresivos” co territorio, como o Parque eólico e LAT Serra do Iribio, diversos megaproxectos hidroeléctricos ou o proxecto de que a  Autovía A-76 pase pola Ribeira Sacra. Proxectos todos eles, aseveran, cun forte impacto ambiental.