O Oribio, atentados consentidos ao patrimonio natural e cultural

Velaquí a proba de cantar e repetir o “non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono”, as usurpacións consentidas antes e despois de finais dos 70: As Encrobas, Baldaio, a Balea… Os de usar e abusar do territorio e do patrimonio cultural popular, aínda protexido por leis, propagandas e carteleiras. Destrución da paisaxe, ignorancia da historia autorizada ao antollo de empresas especuladoras, sen escrúpulos ningúns. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza.

O Oribio é serra de siluetas mansas, lombas, que diría don Ramón Otero Pedrayo, revestidas de bosques e espesas devesas, entre fluír de regueiros. Conformando horizontes a xogar cos nubeiros e petar nas miradas sensibles: nas dos peregrinos que polo Camiño Francés, entre Triacastela e Samos, bordean a súa soidade misteriosa, na ollada dos arqueólogos, velaí, entre outras ameazas, a Cova de Eirós, vestixios da actividade de bandadas humanas de fai case 40.000 anos… e máis dirá o tempo. Atraínte paisaxe para mirada dos xeólogos, dos biólogos, pero tamén na visión de especuladores que abandeiran un falso progreso sobre a destrución do seu patrimonio natural e cultural.

O nome de Oribio, como o de Samos, sementa as dúbidas. Amor Meilán di que nun inicio se chamaba Cribio, logo pasou a O ribio, coa similitude de o ripio, borde, e finalmente pasou a Oribio. O certo é que son lombas que serven de marco ou lide natural para chaira de Lemos. O Padre Sarmiento, bieito oriúndo destes montes, tamén repara no topónimo de Samos; Murguía, guiado pola sobranceira topografía, atribúeo a Samumand, montaña en sánscrito, e fala do valor eglóxico desta serra. García da Riega pon máis os pés no chan e derívao de psamos (ribeira, borde…);  outros a Samáns, como concentración de ermitáns…

No século XVI, o historiador galego Castella Ferrer sitúa no Oribio abundantes asentamentos castrexos; nos comezos do século XX é estudado polo xesuíta naturista Baltasar Merino, para nas súas Viaxes de Herborización dar conta do interese da Devesa do Oribio, da riqueza da fraga, de aldeas que, dende o val do Louzara e do Louzarela levan ás súas cimas: Queixadoiro, Aira de Padrón… humildes casaríos entre carballos, castiñeiros, bidueiros, acivro, o serbal…

Montes e val situados nun centro xeoestratéxico do pasado, nos que radica a orixe e o poder económico do mosteiro bieito de San Xián de Samos. Terras de antigo ricas en ferro, así pois en ferreirías, sendo o río Lóuzara mostra da riqueza mineira por canto arrastran as súas areas de minerais arrincados das cristas, mesmo ouro e prata. Cumes entre as que está perdida a pequena lagoa, da que dicían os paisanos que “tiña ondas e mareas…”. Serra fecunda en gandaría, as bestas bravas,  os cabalos, noutrora base do transporte e da arriaría; bosque madeireiro, veigas de farta agricultura, froiteiros… Con Historia que trunfa na Alta Idade Media, como paso entre a Galiza Lucense e a Asturicense, así pois obrigada parada e fonda nos camiños reais que serpean pola serra. Territorio repoboado en tempos de Ordoño II, protexido polos prelados e os reis. Mesmo o Abade de Samos sempre foi administrador dun ancestral legado material e espiritual, titularase Capelán da Casa Real, recibindo privilexios, tendo xurisdición propia e dereito de asilo para os perseguidos… 

 

[Podes ler a peza íntegra no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]