Xustiza

O TSXG suspende de forma cautelar as autorizacións de sete novos parques eólicos e os paralizados ascenden xa a 27

Aeroxeradores do parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
Dos 30 casos analizados, só en 27 rexeitou o alto tribunal galego aplicar as medidas cautelares.

Xa son 27 os parques eólicos suspendidos de forma cautelar polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que até o momento emitiu un total de 42 autos referidos ás autorizacións administrativas e de construción concedidas pola Xunta da Galiza a unha trintena de proxectos. Só en tres deles, os parques denominados Vilartoxo, Neboada e Uxo, rexeitou a suspensión cautelar solicitada pola parte demandante.

Pola contra, á longa listaxe de proxectos paralizados polo seu potencial impacto sobre a contorna súmanse nas últimas horas Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca e Serra do Farelo. Previamente xa foran suspendidos os parques Ventumelo, Porto Vidros, Banzas, Monte Neme, Zamorra, Touriñán II, Felga, Rodeira, O Cerqueiral, Chao do Marco, Monte Peón, As Encrobas, Pico Seco, Serra do Faro Ampliación II, As Penizas, Figueiras, Reboiro, Alto da Telleira, Troitomil e Outeiro Grande.

O 'macrocomplexo' dos Montes do Gato

Nós Diario xa informaba nas súas páxinas hai case tres anos dos seis parques eólicos que as compañías Greenalia e Galenergy proxectaban sobre os Montes do Gato, un espazo que diferentes colectivos de persoas afectadas por estas infraestruturas pedían declarar parque natural e incluílo na Rede Natura 2000. En total, unha corentena de muíños —segundo os estudos preliminares, que logo sufriron modificacións— axexaban uns terreos que discorren polos concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós, na comarca das Mariñas.

Porén, só un deles, o denominado Fontella —de Galenergy— foi rexeitado pola Administración galega por non superar o trámite ambiental, pois os seus aeroxeradores situaríanse en plena zona 'núcleo' da Reserva da Biosfera das Mariñas-Mandeo, un espazo no que "non se deben instalar parques eólicos" a fin de "garantir a preservación da diversidade biolóxica e os ecosistemas".

Os demais —Felga, Gato e Penas Boas, de Greenalia, e Feás e Seselle, de Galenergy— foron autorizados pola Xunta da Galiza, pero agora dous deles, Gato e Felga, ambos os dous da compañía enerxética coruñesa da que fai parte a ex conselleira Beatriz Mato, reciben un duro revés da Xustiza e son paralizados de forma cautelar por mor das súas potenciais afeccións. O auto relativo ao proxecto Gato foi un dos que transcendeu esta mesma sexta feira, e os maxistrados argumentan o "principio de cautela" para estimar a petición da asociación ecoloxista Petón do Lobo.

Así, admite, na liña doutras sentenzas semellantes, entre elas a que se refire ao parque eólico veciño Felga, que a execución das obras podería afectar "mesmo de forma irreversíbel" a especies a protexer. Tamén alude á posíbel concorrencia do principio de "fragmentación artificiosa" deste proxecto, dado que a propia documentación achegada pola empresa e mais a Administración recoñece que compartirá algunhas das súas infraestruturas e dependerá, en certa medida, das que se construirían noutros destes parques, se ben matiza que, polo de agora, non se pode determinar que se produza esta casuística.

Outros proxectos suspendidos

Entre os seis parques eólicos que ficaron tamén en suspenso nos últimos días figura outro de Greenalia, Rodicio II, que tería unha potencia de 10,4 megawatts e afectaría os concellos de Maceda e Montederramo (comarcas de Allariz-Maceda e Terra de Caldelas). Tamén está o proxecto Monte da Croa, impulsado polo Grupo Villar Mir en Dumbría e Vimianzo (Terra de Soneira e Fisterra), que se dotaría de 27,9 MW.

E destaca especialmente o proxecto de Naturgy para Meirama, en Cerceda (comarca de Ordes), unha vez desaparecida a antiga central térmica. Tería unha potencia de 44,5 MW.

A maiores, foron paralizados os proxectos denominados Alto de Montouto (22,5 MW), de Adelanta Corporación, nos concellos da Cañiza e Covelo (A Paradanta); Cunca (22,5 MW), de Green Capital Power en Vila de Cruces (Deza), e Serra do Farelo (18 MW), de Airosa Vento, en Agolada e Antas de Ulla (Deza e A Ulloa).