O TSXG paraliza cautelarmente o parque eólico Monte da Croa a instancias de Adega

Parque eólico de Greenalia en Monte Tourado, Vimianzo (Foto: Greenalia).
O TSXG cre que existen suficientes indicios que proban as deficiencias da avaliación ambiental do polígono eólico proxectado na Costa da Morte.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de notificar un auto á organización ecoloxista Adega polo que acolle a solicitude de paralización cautelar da executividade da resolución pola que a Xunta da Galiza autorizou o parque eólico Monte da Croa, promovido por Cartelar Vimira 24 SLU (do grupo Villar Mir), nos concellos de Vimianzo (Terra de Soneira) e Dumbría (Fisterra).

A resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta pola que se outorgou autorización administrativa previa e de construción deste proxecto eólico, tivo lugar hai agora un ano, o 23 de abril de 2023, e foi publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) o 11 de maio do pasado ano.

O alto tribunal galego fundamenta a adopción da medida cautelar nas probas achegadas por Adega en canto ás deficiencias na avaliación de impacto ambiental do proxecto eólico, en particular, sobre os efectos na avifauna ameazada e no lobo ibérico. 

No informe técnico achegado pola organización ecoloxista Adega xunto coa solicitude de suspensión cautelar, púñase de relevo a minusvaloración por parte da Xunta da afección do polígono eólico sobre os espazos naturais de Rede Natura 2000 próximos, sobre a conectividade ecolóxica das áreas protexidas e sobre as zonas de ampliación da rede propostas en 2008 e 2011.

Tamén achegou proba da falta dunha adecuada avaliación do impacto eólico sobre as zonas húmidas inventariadas presentes na área de estudo e sobre a avifauna ameazada. O auto xudicial tamén considerou e destacou de forma especial o potencial risco de efecto barreira que unha alta densidade de infraestruturas eólicas pode ter sobre as poboacións de aves e morcegos, recoñecido pola propia Xunta e posto de manifesto na resolución desfavorábel de declaracións de impacto ambiental de diversos parques eólicos proxectados na mesma zona que o de Monte da Croa.

Outro dato determinante que o TSXG tivo en conta para adoptar a citada medida cautelar foi a significativa afectación que a construción deste polígono eólico podería ter sobre un núcleo  reprodutor estábel de lobo ibérico, segundo os datos achegados por Adega

Coa paralización cautelar do proxecto, o TSXG pretende evitar que se exerzan danos irreparábeis sobre o medio ambiente, cuxa preservación considera que debe prevalecer "fronte os intereses públicos na utilización das enerxías renovábeis e económicos da promotora", ao atopar suficientes indicios que dan conta de que o acto administrativo impugnado -a autorización do parque eólico Monte da Croa- podería causar "prexuízos de difícil reparación ao medio ambiente como ben xurídico constitucionalmente protexido".

Un paso adiante contra a presión eólica da Costa da Morte

Adega expresa a súa satisfación ante o presente auto de suspensión cautelar por canto representa un paso importante fronte a presión eólica que xa a día de hoxe sofre a Costa da Morte -recoñecida pola propia Xunta-, ademais de facer prevalecer cautelarmente a protección de especies e hábitats ameazados por diante dun modelo eólico que "ten sobradamente demostrado o seu carácter abusivo, irregular e depredador do territorio".

A organización ecoloxista lembra que o efecto acumulativo do cento de eólicos que actualmente operan no Concello de Vimianzo, máis os que están en tramitación, fai que este desenvolvemento industrial sexa ambientalmente incompatíbel. 

O proxecto eólico Monte da Croa, agora suspendido cautelarmente, consta de 7 aeroxeradores que suman unha potencia de 27,90 megawatts, e que afectan a unha "superficie desproporcionada na que habitan ata 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias ameazadas que visitan as lagoas de Castrelo". Nesta zona, desde hai máis dun lustro, tamén está confirmada a presenza dunha manda estábel de lobos, "cuxa zona de cría se ocuparía con varios do aeroxeradores". 

"O impacto sobre o patrimonio cultural tamén é significativo xa que tería un efecto negativo sobre as necrópoles megalíticas de Baíñas, varios achados arqueolóxicos de Castrelo, o petróglifo do Cotriño, os 14 muíños fluviais de Cambeda, ou 13 mámoas, deixando a vila de Vimianzo sen ningún punto do seu horizonte libre de eólicos ou liñas de alta tensión", conclúe a organización ecoloxista.