Xustiza

O TSXG suspende de forma cautelar as autorizacións outorgadas pola Xunta a tres parques eólicos: xa son unha vintena

Polígono eólico na Serra do Suído. (Foto: N. B.)

Acordou a suspensión das autorizacións administrativa previa e de construción outorgadas pola Xunta para os proxectos dos parques eólicos Alto da Telleira (Covelo e A Cañiza), Troitomil (A Baña e Negreira) e Outeiro Grande (A Estrada e Forcarei).

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) nos que acordou a suspensión das autorizacións administrativa previa e de construción outorgadas pola Xunta para os proxectos dos parques eólicos Alto da Telleira (Covelo e A Cañiza, comarca da Paradanta), Troitomil (A Baña e Negreira, comarca da Barcala) e Outeiro Grande (A Estrada e Forcarei, comarca de Terra de Montes).

O primeiro deles está promovido pola sociedade limitada Alto da telleira, o segundo por Green Capital Enery e o da comarca de Terra de Montes pola SL Outeiro Rubio, propiedade de Airosa Vento.

O parque de Troitomil está conformado por cinco aeroxeradores e unha potencia total instalada de 30 megawatts (MW), que se asentaría nos concellos da Baña e Negreira, na comarca da Barcala, e que recibiu a luz verde da Xunta o 20 de marzo de 2023. Porén, a Asociación de Veciños de San Mamede de Monte, na Baña, recorreu a resolución pola vía xudicial —unha vez esgotada a administrativa— alegando que o proxecto, promovido por Green Capital Power, ocasionaría importantes danos á saúde, a paisaxe, o abastecemento de auga, as explotacións agro-gandeiras presentes na zona, os núcleos habitados próximos e ao medio natural, cuestións que o TSXG estima oportunas para decretar, ao abeiro do principio do periculum in mora, medidas cautelares de suspensión.

O parque eólico Outeiro Grande conta con autorización administrativa da Xunta para a instalación de seis aeroxeradores cunha potencia total de 18 megawatts. Está proxectado no municipio de Forcarei, na serra de Outeiro Grande, a unha distancia de 1,7 quilómetros ao oeste do observatorio astronómico das Casetas. A grande altura dos aeroxeradores —de 150 metros de alto, cunha punta de coroación da hélice da turbina de 200 metros— compromete o futuro do observatorio.

A paralización cautelar impedirá que o proxecto avance mentres non se resolvan os recursos xudiciais presentados contra o parque por distintos colectivos ecoloxistas. Por último, e no que respecta ao parque eólico do Alto da Telleira, que prevé un investimento de 35 millóns de euros para a instalación de 9 aeroxeradores de entre 4,8 e 5,6 megawatts de potencia nominal en Covelo e A Cañiza para xerar en conxunto 48 megawatts; o TSXG apunta a posíbel "fragmentación artificial" do proxecto, así como a  inclusión da área de implantación do parque eólico dentro de hábitats prioritarios e de interese comunitario.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza , tras a sentenza emitida polo Tribunal Supremo (TS) o pasado mes de decembro, adaptou os criterios á hora de decidir sobre medidas cautelares respecto a parques eólicos.

Desde esa resolución do alto tribunal, que rexeitou dous das causas que o TSXG tivo en conta para decretar a anulación dalgunhas instalacións, ambas relacionadas co prazo do trámite de información pública no procedemento de avaliación de impacto ambiental seguido antes de ditarse a autorización dos proxectos e do acceso aos informes sectoriais polo público interesado nese trámite, emitiu até hoxe 30 autos nos que decide sobre a solicitude de suspensións cautelares de autorizacións administrativas e de construción de 22 parques eólicos, dos cales 20 decretaron as suspensións -Ventumelo, Porto Vidros, Banzas, Monte Neme, Zamorra, Touriñán II, Felga, Rodeira, O Cerqueiral, Chao do Marco, Monte Peón, As Encrobas, Pico Seco, Serra do Faro Ampliación II, As Penizas, Figueiras, Reboiro, Alto da Telleira, Troitomil e Outeiro Grande- e, o resto (2), as rexeitaron -Vilartoxo e Neboada-.