O TSXG rexeita o recurso do Estado español contra o plan marisqueiro da Galiza

Camaróns na lonxa de Burela. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
O TSXG sinala que a cuestión de cando o marisqueo está suxeito a autorización ou concesión está resolta pola Lei de Costas e a Lei 11/2008 de Pesca da Galiza, polo que "non é un extremo regulado polo PXEM".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desestimou o recurso de casación interposto polo Estado español para derrogar o auto do 21 de decembro de 2020 da Consellería do Mar polo que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira (PXEM) para o trienio 2021-2023. .

Mediante sentenza do 11 de marzo de 2022, a Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG sinala que "é imposíbel" manter, tal e como sostén o Goberno español, que era necesario un informe estatal para poder contar coa aprobación do plan. Contra esta sentenza aínda cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

"Non é posíbel apoiar xuridicamente a exixencia dun informe estatal preceptivo e vinculante para un instrumento de ordenación dos recursos marisqueiros, cando a Administración Xeral do Estado non ten competencias nese nivel de planificación. Os serán merecedores dese informe serán aqueles aspectos que se estabelecen como competencia estatal, é dicir, as autorizacións e concesións”, subliñan os xuíces.

A argumentación da demanda, segundo a sentenza, é contraria á Lei de Costas, que non estabelece que o marco ao que debe axustarse a actividade marisqueira "deba ser sometido a un informe estatal preceptivo e vinculante, senón só actuacións concretas, e só aquelas, aínda que teñan relación co aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre”.

No seu día, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou que era "chocante e incomprensible" que o Goberno español "saque agora da manga" a esixencia dun informe á Dirección Xeral de Costas e á Xunta de Galiza para a aprobación do PXEM, un requisito que "nunca" se solicitou desde que estes plans entraron en vigor nos anos 90.

"Competencia económica exclusiva"

Asemade, a sentenza indica que o enfoque do Estado é "contrario á asunción da competencia exclusiva do marisqueo á Galiza, xa que a regulación das condicións de exercicio do marisqueo, na súa dimensión de planificación e programación, co contido do PXEM, forma parte do núcleo esencial desa competencia exclusiva".

Os maxistrados engaden que a Administración Xeral do Estado pretende, neste caso, "ampliar a executividade dun informe vinculante máis aló dos supostos previstos na normativa legal".

O TSXG sinala que a cuestión de cando o marisqueo está suxeito a autorización ou concesión está resolta pola Lei de Costas e a Lei 11/2008 de Pesca da Galiza, polo que "non é un extremo regulado polo PXEM".

O PXEM, segundo o tribunal, é "un mero instrumento de planificación que parte desa realidade normativa, de constitucionalidade incuestionábel, e, nese marco, planifica as condicións temporais, espaciais e materiais para o desenvolvemento da actividade (en cuestións como como períodos, zonas, medios a utilizar, cotas de captura...), pero sen que este documento sexa o título habilitante para o exercicio da actividade, que será, segundo as distintas zonas, a autorización e concesión, que deberá ser obxecto de resolución distinta, en cuxa tramitación poderá reclamarse a intervención estatal mediante informe preceptivo e vinculante sobre aspectos de competencia estatal".