As mariscadoras do Burgo loitan por manterse a flote

As mariscadoras e os mariscadores da ría do Burgo loitan por manter a actividade que chegou a dar traballo a perto de 2.000 persoas e á que agora só hai asociadas 78. Exixen compensacións ás Administracións por unhas obras de dragaxe que as manterán sen emprego mentres duren os traballos
Mariscadoras na ría do Burgo (Foto: Pilar Silva).
photo_camera Mariscadoras na ría do Burgo. (Foto: Pilar Silva)

A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, estivo esta quinta feira na Coruña para, entre outras cuestións, asistir ao anuncio do inicio das obras de dragaxe da ría do Burgo, que comparten os concellos da Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo.

Foi un acto no que non estiveron presentes os representantes da Confraría de Pescadores da Coruña nin das asociacións de mariscadoras a pé e a flote da ría, que foron as que durante anos solicitaron con insistencia aos distintos Gobernos que retirasen os lodos do fondo do estuario, xa que estaban a condicionar a súa actividade.

Como lembra a Nós Diario Manuel Baldomir, membro da directiva da Confraría de Pescadores da Coruña, na ría chegaron a traballar máis de dúas mil persoas. No ano 2000 eran xa 200. Ese ano tiña que estar operativa a depuradora (EDAR) de Bens. "Tardouse moito en que entrase en funcionamento, o que fixo que a ría fose cada vez máis improdutiva".

Agora, explica, as 78 mariscadoras e mariscadores que quedan na ría  "vémonos privados de desenvolver a nosa actividade con total normalidade, algo que por desgracia xa non podiamos facer debido á acumulación de lodos que facían a ría moito máis improdutiva", sinala Baldomir.

Perda de empregos 

Estes traballadores e traballadoras están especialmente molestos co Ministerio, xa non só polo desplante de onte, senón tamén polo feito de que non tivo en conta as alegacións presentadas pola Confraría, nas que alertaba do risco de perda de empregos se non había compensacións por parar a actividade, e si as dos concellos de Oleiros e Culleredo para mellorar os seus paseos marítimos na ría, un feito que o representante do colectivo cualifica de "vergoñento". 

"Ao mellor é o que están a buscar, que en vez de ser 78 sexamos cinco ou incluso ningún, porque así incluso xa non habería ninguén a quen compensar", critica.

Na mesma liña, Teresa Ramiro, unha desas mariscadoras, recoñece a este xornal que moitas delas estano pasando mal. "Hai varias persoas de baixa e outras que teñen que escoller entre pagar a Seguridade Social ou dar de comer aos seus fillos", lamenta. 

Inicio das obras 

Durante a visita de onte á zona, a ministra Teresa Ribera anunciou que os traballos arrancarán en dez días. O primeiro paso é retirar a cría de ameixa, tarefa para a que a adxudicataria (Acciona), o Ministerio e a Xunta contan coas mariscadoras, mais "o que está na cabeza da Confraría e opoñernos a facer eses traballos mentres non se resolva o noso futuro económico", dixo Baldomir. 

A este respecto, Ribera amosouse convencida de que resolverán "rapidamente" o tema das compensacións. Porén, as mariscadoras síntense "utilizadas" nun cruce de acusacións entre Xunta e Goberno estatal, ás que exixen a sinatura dun convenio que recolla unha saída á súa situación.

Comentarios