Xustiza

O TSXG rebaixa de 11 a 9 anos a pena imposta a un home por abusar da filla da súa parella en Lugo

Sede do TSXG na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
O alto tribunal galego entende que na sentenza non se detallan as "circunstancias" que levaron a elevar a pena a 11 anos por un delito que prevé entre 9 e 12 anos de prisión.

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de estimar o recurso interposto por un home que fora condenado pola Audiencia Provincial de Lugo a 11 anos de cárcere por abusar sexualmente da filla da súa parella cando a nena tiña 14 anos de idade, e rebaixou a pena até os 9 anos e un día de prisión.

Na súa resolución, o alto tribunal galego expón que debe aplicarse ao procesado a pena no seu grao mínimo, xa que a sentenza do tribunal provincial non detalla cales son as "circunstancias" que levaron a elevar a citada pena e o motivo polo que a condena imposta é proporcionada cos feitos.

O delito de abusos sexuais a unha persoa menor, lembran os maxistrados, está penado con entre 9 e 12 anos de cárcere, e "a imposición da pena por riba do mínimo da metade superior precisa dalgunha argumentación complementaria que permita ao acusado e ás partes coñecer cal é a razón pola que o tribunal optou por unha determinada contía da pena e non por outra, sobre todo se se excedeu en case dous anos o mínimo da pena resultante ao calcular a metade superior".

Esa argumentación que precisa a pena imposta, apunta o TSXG, "non se fixo na instancia e non se pode complementar agora na alzada, o que nos leva, precisamente polo exposto, a rebaixar a pena, impondo a mínima da extensión da metade superior".

A Audiencia Provincial considerou probado que o acusado realizara tocamentos no peito a unha das fillas da súa parella, e que lle introducira un dedo na vaxina, "prevalecéndose da súa relación coa vítima". A nai denunciou os feitos o 26 de marzo de 2020, cando tivo coñecemento, recolle o veredicto.

A menor presenta como consecuencia dos feitos condenados, sostén a sentenza inicial da Audiencia, "unha afectación emocional que se encadra en trastorno adaptativo e reactivo con sintomatoloxía depresiva".

Por iso, o home fora condenado a 11 anos de cárcere, alén da prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 13 anos, a medida de liberdade vixiada durante 10 anos e unha indemnización á menor de 7.000 euros.