O TSXG ratifica a paralización cautelar de dous parques eólicos de Greenalia e exime Adega de abonar as caucións

Construción dun parque eólico da compañía enerxética galega. (Foto: Greenalia)
O alto tribunal galego entende que nin a Xunta nin Greenalia acreditaron debidamente a "imperiosa necesidade" de iniciar a construción dos proxectos Campelo e Bustelo. O parque Monte Toural, que fai parte do mesmo 'macrocomplexo', está pendente de resolución xudicial e podería seguir a estela dos outros dous.

A asociación ecoloxista Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) non estarán obrigadas finalmente a depositar as respectivas caucións para facer efectiva a paralización cautelar dos parques eólicos Bustelo e Campelo, ao tempo que ratifica esta medida. Estes dous proxectos promovidos por Greenalia nos concellos de Carballo, Coristanco e Santa Comba botaron o freo entre setembro e outubro por orde xudicial após alegar contra eles estas entidades ambientalistas.

Así o vén de manifestar por medio de dúas resolucións o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), autos nos que estima os recursos de reposición interpostos por Adega e a PDCC contra a imposición do pagamento de caucións como requisito para paralizar de forma cautelar ambos os parques eólicos.

Paralelamente, o alto tribunal galego desestima os recursos de Greenalia e a Xunta contra estas dúas paralizacións e nos que, aliás, solicitaban un aumento do importe desa garantía exixida aos colectivos ecoloxistas. O TSXG, pola contra, rexéitaos e imponlles costas por un máximo de 150 euros á enerxética e a Administración.

Adega e a PDCC celebran con "gran satisfacción" estas resolucións, "por canto confirman a paralización cautelar de ambos os parques eólicos de Greenalia, recorridos nos xulgados en xaneiro deste ano, e sentan un precedente moi favorábel para as organizacións sociais e/ou ecoloxistas sen ánimo de lucro que recorran en vía contencioso-administrativa a paralización cautelar de proxectos eólicos autorizados pola Xunta", ao non obrigalas a depositar as caucións.

O TSXG acolleu o argumento aducido pola parte demandante de "aparencia de bo dereito", relativa a "posíbeis defectos na publicación e na audiencia aos interesados nestes dous proxectos eólicos". Neste senso, as entidades ecoloxistas apuntaban á "redución irregular dos prazos de alegación" e á "falta de informes sectoriais na fase de audiencia", dúas eivas "ratificadas en recentes sentenzas xudiciais da mesma sala" do alto tribunal.

Ao mesmo tempo, os xuíces salientan que nin a Xunta nin Greenalia acreditaron debidamente a "imperiosa necesidade" de iniciar a construción dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, "instalacións industriais —defende Adega— que ademais poderían constituír actuacións presuntamente atentatorias contra o medio ambiente", un ben xurídico "máis digno de protección que o interese particular da promotora en pór en marcha de forma inmediata a nova instalación eólica".

Un único 'macroproxecto' eólico

En consecuencia, Adega e a PDCC procederán nos vindeiros días á devolución dos máis de 20.000 euros recadados no marco da campaña 'Ti podes paralos!' que desenvolveran para facer fronte a esas caucións. Ao mesmo tempo, lembran que aínda fica pendente de resolución xudicial a paralización cautelar do parque eólico Monte Toural, tamén de Greenalia, que formaría parte dese 'macrocomplexo' da compañía enerxética canda Bustelo e Campelo.