O TSXG frea o macroparque eólico de Naturgy en Vimianzo por grave risco ambiental
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acorda a paralización cautelar do proxecto eólico Patiñeiro, promovido por Naturgy no concello de Vimianzo (comarca de Terra de Soneira), tras estimar a solicitude presentada por ADEGA. O proxecto, que contempla a instalación de tres aeroxeradores de ata 200 metros de altura nunha zona con alta densidade de fauna protexida e un patrimonio arqueolóxico único, fora autorizado pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta de Galiza.
No seu auto, o alto tribunal galego considera acreditado o risco de danos ambientais de difícil ou imposíbel reparación, xa que o proxecto podería afectar "elementos ambientais altamente sensíbeis, ben por estaren catalogados, ben por se trataren directamente de especies con distinto grao de protección ou perigo".
O TSXG destaca que o parque se proxecta sobre unha área cualificada como de exclusión eólica polo Mapa de Zonificación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o que evidencia a presenza destes valores ambientais. A isto súmanse indicios de afección a hábitats con especies ameazadas, a alteración dun corredor ecolóxico relevante para a avifauna, así como a proximidade das instalacións a núcleos de poboación, con posible impacto sobre a saúde das persoas e o benestar animal.
Na ponderación dos intereses en conflito, o tribunal conclúe que debe prevalecer a protección do medio ambiente sobre o interese económico, e aplica, pois, os principios de prevención e precaución do dereito ambiental europeo. A medida concédese sen esixir caución a ADEGA, a asociación demandante, dado o ben xurídico protexido.
A comarca de Terra de Soneira, na que se proxectaba a construción do proxecto eólico Patiñeiron, funciona como corredor ecolóxico entre a costa e o encoro da Fervenza, clave para a invernada e paso de avifauna migratoria. ADEGA advirte da presenza de rapinas esteparias vulnerábeis, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), con posíbel cría. Tamén cómpre ter en conta a afección a zonas con presenza do lobo ibérico, así como o risco para recursos hídricos que abastecen á poboación local.
O polígono eólico instalaríase, ademais, nunha zona con alta densidade de xacementos arqueolóxicos, algúns deles declarados Ben de Interese Cultural (BIC) - como o Túmulo de Pedra da Moura de Monte Carnio, o Túmulo de Pedra Cuberta e a Anta de Serramo/Pedra da Lebre-; e moi próximo a núcleos habitados, con aeroxeradores situados a menos de 550 metros de vivendas.
Este proceso xudicial e a conseguinte paralización cautelar do parque eólico Patiñeiro foron posíbeis a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos, impulsada para facer fronte aos custos xurídicos que supón a defensa do territorio nos tribunais.

