Novo golpe xudicial a Greenalia: O TSXG paraliza cautelarmente a execución do parque eólico Campelo, na comarca de Bergantiños

Mapa coas poligonais dos tres parques eólicos delimitadas, os seus aeroxeradores e a subestación de Campelo (Infografía: Nós Diario - Google Maps).
A impugnación xudicial das autorizacións referidas susténtase, no caso dos tres parques, na “fragmentación artificial” dos proxectos e nas “irregularidades” en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública dos proxectos.

A sección terceira da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)  vén de acoller a petición conxunta de Adega e da Plataforma para a defensa da Cordillera Cantábrica (PDCC) de suspender a execución das autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, outorgadas polo Consello da Xunta, do proxecto do parque eólico Campelo.

O proxecto, que afectaría os concellos de Coristanco e Santa Comba, está promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Campelo, S.L.

As autorizacións administrativas relativas a este parque eólico, así como as outorgadas para a construción dos parques eólicos Bustelo e Monte Toural, igualmente promovidos por Greenalia, foron obxecto de impugnación a finais do mes de xaneiro ante o Tribunal Superior de Xustiza por parte de Adega e a PDCC, solicitándose nos tres casos a adopción da medida cautelar de suspensión da execución dos correspondentes acordos.

Tal e como adiantara Nós Diario o ano pasado, o proxecto de parque eólico Bustelo canalizaría a enerxía xerada a través da subestación do parque eólico Campelo, cuxas poligonais quedarían solapadas xunto coa do parque Monte Toural,que accedería á mesma estrutura de evacuación. No caso de executarse, os tres complexos eólicos compartirían, así mesmo, parte das gabias dos cables.

A impugnación xudicial das autorizacións referidas susténtase, no caso dos tres parques, na “fragmentación artificial” dos proxectos e nas “irregularidades” en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública dos proxectos, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes.

Auto do TSXG

No seu auto, o TSXG destaca que “non se pode ignorar que os defectos de publicación e audiencia que alega a letrada da actora xa teñen dado lugar á estimación de dous recursos nos que, con fundamento nas mesmas normas, se alegaba tal deficiencia”, referíndose a sendas sentenzas de 21 de xaneiro de 2022, que declararon a nulidade das autorizacións relativas ao proxecto do parque eólico de Corme G-3.

Así mesmo, o alto tribunal subliña que nin Greenalia nin a Xunta conseguen avalar a “imperiosa necesidade de contar co novo parque, nen sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas con ocasión da guerra en Ucraína”.

A Sala condiciona a efectividade desta medida de suspensión cautelar das autorizacións administrativas do parque eólico Campelo a que as partes demandantes constitúan unha garantía de 10.000 euros.

Desta maneira, o TSXG descarta a pretensión da representación letrada de Greenalia, que solicitaba que se impuxese unha fianza cuantificada nunha porcentaxe do orzamento de execución (42.539.763,95 de euros) ou, no seu defecto, o importe xa investido (11.930.834,71 de euros). Segundo argumenta o tribunal, “a fixación dun importe desproporcionado faría estéril a suspensión que aquí se decreta”.

Resposta de Greenalia

Pola súa parte, a compañía enerxética defende a súa xestión na tramitación deste proxecto eólico argumentando que seguiu "todos os trámites estabelecidos na normativa vixente".