O TSXG móstrase a favor de "revisar as condenas da lei do 'só si é si'

Sede do TSXG na Coruña (Foto: Xoán Roberes)
Trátase da primeira ocasión na que a Sala do Civil e Penal do Alto tribunal galego realice un pronunciamento xenérico en torno ao novo marco de penas que estabelece a lei do 'só si é si',

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) é favorábel a revisar as condenas que poidan verse afectadas pola entrada en vigor da lei de garantías sexuais, coñecida como a lei do 'só si é si', sempre que se atendan as "circunstancias concretas" de cada caso e leve a cabo unha "ponderada análise" de se a nova norma favorece o reo.

Trátase da primeira ocasión na que a Sala do Civil e Penal do Alto tribunal galego realice un pronunciamento xenérico en torno ao novo marco de penas que estabelece a lei do 'só si é si', que xa se aplicou de forma favorábel aos condenados en tres ocasións nas cales se rebaixaron as condenas impostas por delitos de agresión sexual.

O sentenza leva a firma do propio presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, e subliña a ausencia dunha disposición transitoria que puidese evitar a revisión de condenas, o que "abre un escenario de incerteza que non tivera lugar noutras leis que produciron reducións de penas en abstracto".

A postura do Supremo español

O Tribunal Supremo pronunciouse esta terza feira sobre a aplicación da Lei do 'só si é si' no marco do 'caso Arandina', estabelecendo que se poderá rebaixar a pena aos condenados por delitos sexuais debido á entrada en vigor da nova norma, aínda que insistiu na necesidade de analizar caso por caso.

Segundo informou o tribunal, desde a Sala do Penal incidiuse en que "a Lei 10/2022 poderá aplicarse en beneficio do reo cando se fixe agora unha pena inferior naqueles supostos nos que así proceda, pero analizando caso por caso, e non de forma global".

O criterio do fiscal xeral do Estado

Isto contrasta co criterio marcado a semana pasada polo fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, para que non se modificarán penas cando poidan ser impostas co novo marco penal, un criterio que evitaría unha rebaixa "automática" de condenas.