O Supremo contradí a Fiscalía e avala as rebaixas de penas pola Lei do 'só si é si' mais analizando "caso a caso"

O delito de agresión sexual 'absorbe' o de abuso sexual coa nova lei. (Foto: Europa Press)
Até o momento 39 condenados víronse beneficiados por rebaixas de condena á baixa ou sentenzas posteriores á entrada en vigor da norma. Na Galiza foron tres casos.

O Tribunal Supremo pronunciouse esta terza feira sobre a aplicación da Lei do 'só si é si' no marco do 'caso Arandina', estabelecendo que se poderá rebaixar a pena aos condenados por delitos sexuais debido á entrada en vigor da nova norma, aínda que insistiu na necesidade de analizar caso por caso.

Segundo informou o tribunal, desde a Sala do Penal incidiuse en que "a Lei 10/2022 poderá aplicarse en beneficio do reo cando se fixe agora unha pena inferior naqueles supostos nos que así proceda, pero analizando caso por caso, e non de forma global". Isto contrasta co criterio marcado a semana pasada polo fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, para que non se modificarán penas cando poidan ser impostas co novo marco penal, un criterio que evitaría unha rebaixa "automática" de condenas.

En concreto, o xefe do Ministerio Público ditou un decreto para que os fiscais desen "unha resposta uniforme" ás revisións de condenas firmes suscitadas pola entrada en vigor desta lei. É a primeira vez que o Supremo se pronuncia publicamente sobre a lei que entrou en vigor o pasado 7 de outubro, aínda que non é a primeira vez que analiza un caso de abuso ou agresión sexual tras a devandita reforma.

Fontes xurídicas consultadas por Europa Press indicaron que esta mesma terza feira a Sala Segunda analizará outros recursos de casación contra casos de abusos e agresións sexuais ocorridos en Canarias, Andalucía e Castela-A Mancha. A semana pasada, precisaron, o tribunal xa examinou outros, entre eles un referido a Balears.

Disparidade de criterios

O debate decorre tendo en conta que a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual provocou que o delito de agresión sexual 'absorba' o de abuso sexual, o que significa que un delito que até o de agora recollía unha conduta máis grave incorpore unha de menor gravidade, polo que a 'pinza' penal tamén se ampliou para abranguer todo o abanico de comportamentos penados agora como agresión sexual.

Antes de que se pronunciase o Supremo fixérono, cando menos, unha quincena das 52 audiencias provinciais, e dez delas mostráronse a favor de aplicar nas revisións de condenas de agresores sexuais o criterio máis favorábel ao reo tras a entrada en vigor da coñecida como Lei do 'só si é si'. Fronte a estas decisións, cando menos tres audiencias provinciais informaron de que non rebaixarán as condenas cando as penas que foron impostas poidan ser tamén impoñíbeis con arranxo ao novo marco legal estabelecido pola lei.

O número de condenados que se viron beneficiados polo novo marco de penas que recolle a Lei do 'só si é si' ascende até o momento a 39, entre revisións de condena á baixa (35) e sentenzas posteriores na aplicación da norma (4). Un total de dez persoas foron excarceradas.

Entre as revisións de sentenza e rebaixas de pena confirmáronse 20 en Madrid, tres en Cantabria, tres na Galiza, dúas en Balears, dúas en Castela e León, unha en Andalucía, unha en Asturias, unha en Castela-A Mancha, unha en Murcia e unha en Canarias. Dez destes 35 casos conlevaron a excarceración de condenados: seis de Madrid, dous de Balears, un da Galiza e un de Cantabria.

Sobre as novas sentenzas ditadas tras a reforma, fontes consultadas por Europa Press indicaron que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza aplicou xa nun caso as novas penas, mentres que na Audiencia Provincial de León aplicáronse en dous e na Audiencia Provincial de Barcelona noutro.