O TSXG anula a resolución da Xunta que prohibía emitir a Cuac FM

cuac FM

O tribunal, ademais, declara na sentenza que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu “os dereitos fundamentais da persoa” ao vulnerar o artigo da Constitución española que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información.

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG estimou o recurso presentado por Cuac FM contra a prohibición de emisión radiofónica en FM ditada pola Xunta o pasado mes de febreiro. O TSXG declara na sentenza que Cuac FM ten vixente a garantía temporal de emisión que lle negaba a Secretaría Xeral de Medios mentres a administración competente “non se pronuncie de forma motivada e clara sobre a falta da devandita garantía temporal”.

 

Os maxistrados tamén anulan no fallo o apartado da resolución da administración no que advirte a Cuac FM de que podería ser sancionada se continuase coa actividade. A Xunta baseaba o seu ditame na negación da existencia da garantía temporal de emisión que agora o TSXG lle recoñece a Cuac FM e prevía “futuras sancións” se constataba “o incumprimento da devandita prohibición”.

 

O tribunal, ademais, declara na sentenza que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu “os dereitos fundamentais da persoa” ao vulnerar o artigo da constitución española que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información. Así, o TSXG sostén que a administración autonómica infrinxiu “os preceptos legais que constitúen unha garantía temporal de emisión para a actividade de libre expresión e comunicación de información e de creación e uso de medios de comunicación, neste caso dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios”.

 

A resolución da Secretaría Xeral de Medios, segundo consta na sentenza, o que fai é “prohibir e advertir da comisión de infracción en caso de desobediencia por falta de licenza”, un permiso que o tribunal destaca que Cuac FM “non pode obter dada a inactividade da administración”.  

 

Os xuíces argumentan que a normativa audiovisual prevé un período en que os operadores poderán seguir emitindo ata que se regule polo Estado, "prevendo a concesión das oportunas licenzas, sen que se producise aínda a regulación normativa en Galicia”. Ademais, destaca que o dereito á creación de medios de comunicación “a través dos cales difundir ideas, opinións e información” é unha “das liberdades recoñecidas” na constitución.