A Fiscalía considera que a Xunta limita o dereito de expresión de Cuac FM

A emisora indica que no seu recurso contra a Xunta o Ministerio Fiscal solicita TSXG “que recoñeza a lesión do dereito a crear medios de comunicación social que ven denunciando esta asociación”, en referencia a Cuac FM.

“A Fiscalía estima que a Xunta vulnera os dereitos fundamentais de Cuac Fm”. Así o manifesta esta radio comunitaria na súa web esta quinta feira, ao informar que do informe que vén de emitir o Ministerio Fiscal e no que “manifesta e fundamenta xuridicamente a súa coincidencia coa posición defendida por CUAC na súa demanda contra a Xunta”.

 

Así, o Ministerio Fiscal, afirman,, “argumenta que non é xustificada nin acorde a dereito a advertencia que fai a Xunta de que Cuac FM non pode volver a emitir na FM”.

 

Hai que lembrar que o 1 de outubro de 2017 esta radio apagaba o seu emisor perante a incoación dun procedemento sancionador por parte da Secretaría Xeral de Medios, baixo a sanción dunha multa de entre 100.001 e 200.000 euros. Cuac recorreu e entón a Xunta decidu retirar a sanción mais prohíbelle “emitir de novo na frecuencia modulada (FM)” (no mínimo ata o desenvolvemento regulamentario da Lei 7/2010 General de Comunicación Audiovisual que o Goberno está a incumprir).

 

Cuac entendeu que iso restrinxía dereitos constitucionais do dereito a comunicar e interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a Xunta, recurso que foi admitido a trámite por parte do TSXG.

 

A Fiscalia, explican desde Cuac, co seu informe considera que a Xunta está “efectivamente limitando o dereito de expresión cando na resolución do expediente sancionador fai un apercibimento a CUAC de que non pode emitir ao non existir o desenvolvemento regulamentario da Lei 7/2010 General de Comunicación Audiovisual”