CUAC, un chío contra a mordaza do PP

Manel, Roberto (sentado) e Gema, responsábeis do programa Recendo

CUAC FM é unha radio comunitaria que emite na Coruña desde hai 21 anos. Desde o día 2 de outubro só a través de Internet. A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galiza ameaza CUAC cunha multa de máis de 100.000 euros por carecer de licenza; unha licenza que hai tempo tería que ter concedido a propia Xunta. E non quere. Quere provocar o seu fechamento, na liña dun documento interno do Ministerio de Industria que no 2015 recomendaba acabar coas emisoras veciñais. CUAC vaise converter nos próximos meses no símbolo da loita contra os ataques do PP á liberdade de expresión no país.

“Porque a FM é libre, gratuíta e accesible a todo o mundo, desde a radio da cociña á do coche, por iso queremos volver a emitir na frecuencia modulada”, di Roberto Catoira, o técnico de Recendo que acaba de rematar a súa emisión número 263 esta terza feira desde un pequeno estudo lila e vainilla con música de The Teta’s Van. “Queremos volver e non nos van render así de fácil porque o espazo radiofónico é de todos, mesmo está recoñecido constitucionalmente, e porque pensamos que é moi perigoso que o espazo fique só en mans de radios comerciais que defenden seus intereses comercias e que se lle quite a voz ao resto da cidadanía”, di Gema Millán, que vén de recitar un poema de Luz Pozo homenaxeando a Xohana Torres en Recendo, un programa cultural e algo máis, coma todos os programas en CUAC, radio libre, non profesional, con escola de formación –unhas 300 persoas pasaron por ela nos catro últimos anos­–, rexida por una asemblea de 120 asociados, plural e diversa, como a grella –case trinta programas comezando a tempada, a 25 euros de cota mensual para gastos, e emisións producidas fóra, como Proxecto Neo (desde Radio Burela) ou Carne Cruda, a de Javier Gallego­­–, cun orzamento duns 20.000 euros para este ano, e desde 2003 nun módulo dun pavillón de ladrillo da UDC, na antiga sede dos sindicatos da universidade, que non a usaban, e máis adiante outro módulo, hoxe a escola de radio, alá arriba no campus da Zapateira desde onde se domina a cidade e o ar, as ondas que non se ven pero que lle falan a xente, e por iso son tan temidas polos poderes públicos que defenden intereses privados e unha visión da vida que abomina de visións como as de CUAC, plural e diversa. Libre.

 

Isabel Lema, do consello de coordinación da emisora, explica que a Secretaria Xeral de Medios da Xunta fíxolles chegar un aviso a finais de setembro. Hai un expediente aberto, inducido polo Ministerio de Industria, que comezou cunhas escoitas hai un par de anos. Os técnicos do Estado determinaron que no 103.4 da FM coruñesa emitía unha cadea que non contaba con licenza. “Pois levamos moitísimo tempo pedíndolla á Xunta sen ter tido unha resposta”, conta Isabel. A Xunta, sinala, ten competencias en materia de comunicacións para facer unha lei. Non a fixo. Tampouco o Estado desenvolveu o regulamento da lei de 2010 que obrigaba a reservar frecuencias para radios comunitarias. A lei non se cumpriu até hoxe. Só se concederon licenzas para emisoras comerciais. No 2012, diante da parálise administrativa, CUAC decidiu presentarse a un concurso que se limitara a radios comerciais. “Xuntamos 4.632 euros coas achegas de 160 persoas”, lembra Tomi Legido, un dos fundadores. Tampouco conseguiron licenza. Despois denunciaron o concurso diante do Tribunal Superior de Xustiza para poñer en evidencia a situación. Tamén perderon. Pagaron costas (case 5.000 euros). “Entrar en litixio agora contra o expediente é inviábel pola cantidade da multa coa que nos ameazan, de cen a douscentos mil euros, demasiado caro”, explica Tomi. 

 

Isabel e Tomi comparten programa, Alegría. “Un magazine de actualidade social e política”, indica el. Levan 15 tempadas. Tomi comezou con espazos de música, despois cociña… En CUAC a supervivencia media dos programas “andará polos cinco ou seis anos”, contan Álex e Antonio, que fan parte de Spolier, tamén con Isabel e catro máis, “unha revista de series de televisión quincenal”. A última que recomendaron: Leftovers. “E sempre falamos de Xogo de Tronos, é imposíbel non facelo”. A metade da programación faise en castelán e a outra metade, en galego. “Nós si cumprimos a lei”, advirte Isabel. “E nunca lle pechamos a porta a ninguén”, anota Manel, un dos colaboradores habituais de Recendo. En CUAC hai programas de ópera, deportivos, de dereitos civís... “O único límite é o respecto dos dereitos humanos”, indica Álex, “e do Código Penal, claro”. Hai programas nos que se fala (non sempre) de touros, como Dentro de un orden, outros como Radio Prometea dedicado a coidados e dereitos das persoas no eido da saúde mental, e outros realizados por asociacións culturais ou por colexios, como A fume de carozo, no que Roberto bota unha man. En 21 anos, máis de 450 programas distintos e diversos.   

 

O 18 de marzo de 2018 expira o prazo para que as autoridades que tramitan o expediente contra CUAC tomen unha decisión. Faltan menos de seis meses. O pleno do Concello da Coruña, cos votos de Marea Atlántica, do PSOE e do BNG, aprobou a segunda feira 9 de outubro unha moción de apoio solicitando que se garanta o exercicio da liberdade de expresión e o acceso dos medios comunitarios ao espazo radioeléctrico. No Congreso, a oposición gañou ao PP unha votación para esixir o desenvolvemento da lei. CUAC presentou alegacións ao expediente. “Somos unha radio comunitaria sen ánimo de lucro e temos dereito a optar a unha licenza. A Xunta ten plena constancia de que levamos anos intentando normalizar a situación. Mesmo puido concedernos un permiso temporal até que saíra o concurso porque así o contempla a lei para as radios que estiveran emitindo desde antes do 2009”, di Isabel.

 

Hai media ducia de radios comunitarias no país. Ningunha outra recibira até esta semana aviso algún da Secretaria Xeral de Medios da Xunta. No Estado, Radio Kras, de Xixón, acaba de ver como o goberno asturiano arquivou un expediente similar impulsado tamén desde o Ministerio de Industria. Radiopolis, en Sevilla, está á espera dos trámites, “pero confían no amparo da lei andaluza”. Isabel resume o estado das cousas: “hai unha lei de 2010 da que non se desenvolveron os regulamentos para dar cobertura ás radios do terceiro sector; houbo unha filtración dun informe do Ministerio de Industria no que se recomendaba acabar con estas emisoras, e dous anos despois comezan a chegar os expedientes con multas disparatadas por non termos licenza”.

 

En 2015, eldiario.es publicou un documento asinado por un alto cargo do Ministerio de Industria, cando a carteira a levaba José Manuel Soria (apartado despois do cargo pola súa implicación nos Papeis de Panamá). Era un informe que contiña varias recomendacións sobre que tipo de lexislacións promover para controlar o espazo audiovisual favorecendo a empresas amigas e impedindo o acceso de medios comunitarios a licenzas. Aquel documento provocou a protesta da Asociación Mundial de Radios Comunitarias –catro mil medios de comunicación en 130 países– á que pertence CUAC diante do goberno español. Desde a Asociación, lembráronlle ao goberno que o Estado estaba a incumprir a súa propia lei e esixíaselle que aclarase o contido dun informe que atacaba “non só os medios comunitarios, senón tamén os dereitos fundamentais dos propios cidadáns”. A oficina do Defensor del Pueblo tomou nota. 

 

Desde entón, apenas catro goberno autonómicos decidiron impulsar leis para normalizar a situación das radios comunitarias. Primeiro foron Catalunya, Aragón e Andalucía, e este mesmo ano acaba de saír o primeiro concurso en Navarra. “Hai xente que quere que haxa este tipo de radio polo tipo de contidos. Somos diversas e plurais”, insiste Gema. “O noso vínculo é o dereito a comunicar”, sinala Manel. “Hai programas de estudantes, de xente maior, antigos mariños que contaban as súas experiencias, nais de lactantes, asociacións como Aspace... Pode vir calquera e propoñer unha idea e adiante”, di Roberto. “A escola permitiunos ir mellorando a calidade das producións”, engade Álex, “e mesmo fomos incorporando tecnoloxía e ferramentas para subir as emisións á Rede, faise de xeito case natural porque estamos moi pegados á universidade, a xente vén por aquí e proba isto e o outro e saen cousas”. Tamén locutoras e técnicas para as radios comerciais. “Non creo que sexa a elas a quen lle molestamos”, opina Manel, “inda que en Navarra parece que teñen litixios polo concurso”. 

 

O día 2 de outubro CUAC FM apagou as emisións no 103.4. Pero a radio segue viva e vivindo con normalidade. Hai catro novos aspirantes a locutores e técnicos na clase de Tomi esta terza feira. No estudo rematou Recendo e comeza Una noche en la ópera. Na aula Tomi explica a estratexia dos silencios na radio. Esta nun deles CUAC, nun impasse. Pero moi viva. E libre.

 

Nota: As dúas fotos inseridas no meio do texto, ambas da autoría de E.D., son (1). Aula de formación en Cuac FM. Tomi, un dos fundadores dando clase; (2).-Álex e Antonio, integrantes da equipa que elabora o programa Spoiler.