Exclusiva de 'Nós Diario'

O TSXG anula a adxudicación a unha UTE de Monbus do transporte escolar de Cambados por parte da Xunta

A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte. (Foto: Monbus)
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza acaba de resolver de novo contra a Xunta da Galiza e Monbus. A sentenza, á que tivo acceso en exclusiva 'Nós Diario', está na liña doutras resolucións xudiciais anteriores. 

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de anular a concesión ao grupo Monbus da liña de transporte escolar correspondente co concello de Cambados

O fallo do TSXG de 25 de outubro, ao que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, sinala “que, tal e como destaca a empresa recorrente nas súas conclusións, das probas realizadas se desprende que os pregos contemplan a limitación de adxudicación dos lotes prevista no art. 99.4 LCSP e que os demandados non respectaron, art. 8.2 da cláusula”.

Exceso de adxudicacións

O auto lembra que bases do concurso estabelecen que “cada licitador poderá ser adxudicatario dun ou varios lotes, cun límite máximo de 8 lotes” e a Monbús adxudicáronse 39 lotes, dando lugar á exclusión da oferta presentada polo adxudicatario tal e como foi adxudicada ao Monbús

A resolución xudicial destaca que Monbus foi favorecido pola Xunta da Galiza no concurso de transporte escolar “cun número de lotes superior ao permitido, á mesma persoa física ou xurídica, aínda que estea constituída formalmente como UTE”

Educación incumpriu as bases do concurso

A sentenza considera probado que a Consellaría de Educación incumpriu o disposto nas bases do concurso e na lexislación de aplicación á hora de adxudicar diversas rutas de transporte escolar. 

A resolución revoca unha resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma da Galiza (TACGAL) , que avalaba a decisión do Goberno galego. Neste sentido, o fallo sitúase a liña doutras anteriores do TSXG que anularon a adxudicación de diversas liñas de transporte ao grupo Monbus.