O TSXG ampárase nun baleiro legal para rebaixar unha condena por agresión sexual

Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Unidas Podemos denuncia a interpretación dos xuíces na aplicación da lei, e o PSOE abre a porta a modificar o texto da Lei 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), ao abeiro da reforma introducida pola Lei 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual, e de acordo con o criterio da Fiscalía, rebaixou en dous anos a pena de prisión imposta pola Audiencia da Coruña a un home que violou unha muller en Cambre á que coñeceu pola rede social Tinder.

O acusado fora condenado a seis anos de prisión por cometer un delito de agresión sexual, ademais de dous anos e medio de cárcere como autor doutro delito contra a intimidade -esta pena non se modifica-. Desta forma, o TSXG fixa en seis anos e medio a sentenza imposta por ambos os delitos.

A Sala do Civil e Penal explica na resolución que comparte co Ministerio Fiscal que, sendo máis favorábel ao reo, debe aplicarse de oficio a nova lei, que estabelece en catro anos a pena cando o delito de agresión sexual foi fixado no grao mínimo, tal e como determinou a sala de instancia.

A resolución acadada polo TSXG súmase ás decisións doutros tribunais no Estado, como a da Audiencia de Madrid, que rebaixou de oito a seis anos a condena a un home por abusar dunha menor de idade; ou a doutro tribunal madrileño que acordou reducir a sentenza por abuso sexual que pesaba sofre un mestre de inglés dos seis anos e medio iniciais a só un.

Principio de retroactividade

Tal e como estabelece o Código Penal español, unha lei penal aplicarase de maneira retroactiva sempre e cando repercuta favorabelmente no condenado ou condenada. No caso da nova Lei de garantía integral de liberdade sexual, o texto modificou tanto as penas que se aplicaban para os delitos de agresión sexual como para os de violación, ao eliminar o tipo de abuso sexual e incluír estes delitos no de agresión.

Así, as agresións sexuais tiñan penas de un a cinco anos, mais agora o máximo reduciuse a catro. Tendo en conta agravantes, a pena pasaría a ser de dous a seis anos, mentres que antes da reforma da lei esta estaba entre os cinco e os dez anos. No caso das violacións, a pena pasou de 6 a 12 anos coa anterior lei a de 4 a 10 coa nova.

Valoración do Goberno de coalición

Os dous partidos que forman parte do Goberno español saíron a valorar esta redución de condenas en varios xulgados. Para a delegada gobernamental contra a violencia de xénero, Victoria Rosell, estas rebaixas non se deben ao texto da lei, senón á súa aplicación por parte dos maxistrados.

“O poder xudicial ten que facer o seu traballo formándose e aplicando a lei completa tal e como é, e non dunha maneira tan reaccionaria e sorprendente”, asegurou Rosell en declaracións aos medios.

Pola súa parte, e tamén preguntada polos xornalistas, a ministra de Facenda, María Jesús Montero (PSOE) abriu a porta a unha posíbel modificación da lei, xa que, segundo o criterio do Executivo estatal, “non era o obxectivo da lei que se puideran rebaixar as penas con motivo do abuso a menores”.

Neste sentido, Montero chamou a “estudar a cuestión”, tanto de cada sentenza rebaixada, “para ver en que cuestións se amparan”, como na do “propio texto legal”.